DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC da Educación e o CEESG analizan co Concello de Manzaneda como optimizar a súa residencia de anciá

Das aulas aos concellos para mellorar os servizos sociais de maiores

A iniciativa terá continuidade no núcleo rural de Lodoselo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 23/01/2012
A Facultade de Ciencias da Educación de Ourense e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia CEESG teñen os coñecementos e a experiencia. O Concello de Manzaneda ten unha residencia e un centro de día que atenden a unha crecente poboación envellecida e que deben atopar fórmulas de sostibilidade económica e optimización da calidade. Tendo en conta estes factores converxentes, esta fin de semana celebrouse unha xornada de traballo entre representantes das tres entidades para intercambiar ideas e propostas para un mellor desenvolvemento comunitario dos maiores no rural. Ante o frutífero do encontro, os seus promotores repetirán a experiencia no núcleo rural de Lodoselo.

Na iniciativa, titulada Xornada Propositiva sobre o Desenvolvemento Comunitario Rural, déronse cita docentes da Facultade de Ciencias da Educación; autoridades e membros dos servizos sociais de Manzaneda; representantes do CEESG e educadores sociais de diferentes concellos e outras entidades galegas. Entre eles estivo Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación; Sofía Riveiro, responsable do CEESG, e David Rodríguez, alcalde de Manzaneda, que coincidiron en salientar a utilidade de este tipo de encontros para intercambiar experiencias e sobre todo atopar ideas no eido da educación social.

A sesión comezou coa exposición por parte dos asistentes de diferentes casos de éxito con anciáns. Entre eles suscitou moito interese unha iniciativa de voluntariado de transporte no Concello de Vedra, onde os maiores con coche propio recollen aos compañeiros para participar en actividades sociais organizadas polo concello a cambio do pago da gasolina. O traballo con hortas ou con animais, os xogos populares ou a importancia de abrir as residencias de maiores á comunidade e facelas partícipes da súa actividade foron algunhas das outras cuestión que se trataron na xornada.

Ideas ante os recortes económicos

“As experiencias neste eido non son directamente extrapolables duns lugares a outros pero dan ideas aos educadores sociais e pistas a seguir, ademais de abrir contactos e liñas de colaboración entre eles e as entidades que representan”, explicou Xosé Manuel Cid. Unha opinión compartida polo alcalde do municipio, que se amosou igual de satisfeito por os froitos que poden dar este tipo de xornadas de traballo. “Os concellos temos a problemática de atopar unha fórmula sostible para as residencias e centros de día, agora que os recortes económicos fan difícil seguir ofrecendo os mesmos servizos coa mesma calidade sen prexudicar ao beneficiario”, advertiu.

Polo proveitoso que resultou o encontro para os participantes, da cita de Manzaneda saíu xa o compromiso de realizar unha nova edición de esta iniciativa, en este caso na localidade de Lodoselo, orixe de diferentes proxectos pedagóxicos recoñecidos no ámbito da educación. “O obxectivo para este seguinte encontro vai ser acadar a participación dos asistentes ao encontro de Manzaneda e tamén implicar na xornada a entidades locais de todo tipo, non só ao concello, a persoas activas da comunidade e a outros axentes que poidan achegar ideas e solucións aos problemas sociais que lles afectan”, destacou Xosé Manuel Cid.