DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado e profesorado de Historia inician este domingo unha viaxe académica

Aulas baleiras por mor dun percorrido polos xacementos arqueolóxicos de Inglaterra

A iniciativa está organizada polo Laboratorio de Arqueoloxía e a delegación de alumnos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 12/02/2010

Un grupo de estudantes e investigadores da facultade de Historia acompañados polo profesor Fermín Pérez inician este domingo unha viaxe académica a Inglaterra coa finalidade de visitar os principais xacementos arqueolóxicos ingleses, así como outras institucións, centros e monumentos de interese para os estudosos. Ao longo dunha semana os 15 participantes na actividade terán a oportunidade de coñecer cidades como York ou Newcastle, construcións senlleiras como o Muro de Adriano e museos como o Británico. A viaxe organizada polo Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo (LAUV) e a delegación de alumnos, ten, segundo explica Fermín Pérez, un dobre obxectivo: “Inglaterra posúe un grande interese histórico e arqueolóxico polo que a visita a este país vailles proporcionar aos estudantes un complemento importante na súa formación académica. Pero a iniciativa é interesante tamén pola súa influenza no seu crecemento como persoas porque moitos dos participantes van viaxar ao estranxeiro por primeira vez e terán unha boa oportunidade para aprender a desenvolverse fóra do seu país”, sinala.

York e Newcastle, primeiros lugares a visitar

A saída está prevista para este domingo ás seis da tarde, hora na que as persoas que participarán na actividade partirán cara Porto e dende aí, xa en avión, a Londres. A primeira parada na folla de ruta vai ser York, unha histórica cidade fortaleza do norte de Yorkshire que conta con 2000 anos de historia ás súas costas. Van ser moitos os monumentos que visitarán neste lugar: a catedral, o castelo, as murallas... pero Fermín Pérez subliña un: o museo Jorvik Viking Centre.
Newcastle, a principal cidade do nordeste de Inglaterra e a sexta maior cidade inglesa, é a seguinte parada. Dende aí percorrerán uns 54 quilómetros ata o campamento Housesteads, o exemplo máis completo de todos os fortes construídos ao longo do muro de Adriano. Esta antiga construción defensiva da illa, levantada entre os anos 122 e 132 por orde do emperador romano Adriano para defender o territorio británico dos belicosos pictos que se estendían ao norte –no que chegaría a ser Escocia tras a invasión dos escotos chegados dende Irlanda- é un dos principais atractivos desta viaxe de estudos. Estudantes e persoal investigador poderán percorrer o muro e visitar algúns dos seus campamentos, “máximos expoñentes da arquitectura militar romana en Europa”, segundo Fermín Pérez.

Percorrido pola cidade termal de Bath e os seus mananciais

Bath, unha cidade do suroeste de Inglaterra, no condado de Somerset, coñecida polos seus balnearios termais alimentados por tres mananciais, é o seguinte lugar marcado na folla de ruta por ter “un especial interese dende o punto de vista arqueolóxico e académico”, segundo o profesor Fermín Pérez. Esta cidade ten unha poboación que ronda os 80.000 habitantes e é Patrimonio da Humanidade.
Dende Bath seguirán viaxando cara o sur para visitar dous xacementos prehistóricos: Avebury, o emplazamento dun círculo de pedras datado hai máis de 5000 anos e considerado como un dos maiores monumentos do neolítico de Europa –foi declarado Patrimonio da Humanidade- e Stonehenge, un monumento megalítico tipo crómlech (pedras ou menhires cravados no chan que adoptan forma circular ou elíptica cercando o terreo) da Idade do Bronce.

Fin de semana en Londres

O grupo pasará a fin de semana en Londres onde visitará distintas construcións, institucións e lugares de interese como o Museo Británico, o maior do Reino Unido e un dos maiores e máis famosos museos de antigüidades de todo o mundo. Por último a xornada do domingo estará dedicada a organizar a viaxe de volta a Ourense onde teñen previsto chegar sobre as catro da tarde.
O Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, entidade organizadora da viaxe xunto coa delegación de alumnos de Historia, aglutina ao grupo de investigación da Facultade de Historia: HA2 Arqueoloxía Aplicada. O equipo constituíuse como grupo estable no ano 2003 e, dende entón, ven acumulando unha grande experiencia no eido da investigación, a revalorización e a xestión patrimonial.