DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Augaventura regresa con flyboard, paddlesurf, rafting, surf, wakeboard, windsurf e mergullo

Aventuras acuáticas para prolongar o verán

O programa oferta tamén unha ruta a San Simón que combina kayak, andaina e snorkel

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 26/09/2018

Oito posibilidades, oito alternativas de deportes acuáticos para que ninguén se quede sen participar en Augaventura, o programa de actividades de lecer no medio acuático que como cada curso organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte en colaboración co Campus do Mar. Estas actividades están abertas ás e aos membros da comunidade universitaria, así como a cónxuxes e fillos e fillas, titulados e tituladas pola UVigo e tamén persoas alleas á mesma, con prezos diferentes segundo a que grupo se pertenza. Na edición de este outono o programa comprende flyboard, paddlesurf, descenso de rápidos, surf, wakeboard, windsurf, mergullo e un roteiro á illa de San Simón que combina kayak, andaina e snorkel.

Tratase dunha proposta que naceu hai 18 anos e na que participan arredor de 250 persoas cada ano, entre as edicións de outono e primavera. A finalidade é ofrece unhas condicións máis vantaxosas para a práctica de actividades acuáticas que requiren contar con material especializado e custoso. Deste xeito, as e os interesados poden probar e iniciarse nestas modalidades a uns prezos accesibles. 

As actividades arrancarán esta fin de semana

As primeiras actividades arrancan xa esta fin de semana, cos primeiros grupos de flyboard e paddlesurf o sábado e wakeboard o domingo.

No caso do flyboard, que se organiza en colaboración con Tierra y Mar, haberá dúas quendas, unha este sábado e outra o 20 de outubro, a primeira no Club Náutico de Raxó e a segunda no Liceo Marítimo de Bouzas, onde os participantes recibirán o material preciso así como unhas nocións previas para conseguir poñerse en pé co impulso dos chorros de auga. O prezo varía entre os 15 euros e os 30 euros, segundo a relación que se garde coa Universidade. O paddlesurf tamén arranca cunha sesión este sábado e outra o 27 de outubro, en colaboración con Marexada, a primeira na praia do Vao, en Toralla, e a segunda no río Lérez, en Pontevedra. Os prezos varían entre os 15 euros e os 30 euros. Este domingo día 30 tamén terá lugar a primeira sesión de wakeboard no Club Náutico de Moaña en colaboración con Tierra y Mar. A segunda data para probar este deporte será o 28 de outubro no Liceo Marítimo de Bouzas e os prezos varían entre os 10 e os 20 euros. 

Outro fixo do programa Augaventura é o descenso de rápidos, con dúas saídas, o 5 e o 19 de outubro, no río Miño ao seu paso por Arbo en colaboración con Arrepións. O prezo varía entre os 15 e os 30 euros e inclúe transporte, material e unha sesión teórica previa, así como un Cd con fotografías do descenso.
Outra alternativa con moi boa acollida entre a comunidade universitaria é o roteiro á illa de San Simón que combina kaiak, andaina e snorkel. Neste caso haberá unha soa data, o 6 de outubro, en colaboración co club Marexada, saíndo da praia de Cesantes para realizar unha travesía en kaiak pola enseada de San Simón, facendo varias paradas ata chegar á illa. Alí realizarase un percorrido guiado a pé para saír despois ata os illotes de San Bartolomé e San Norberto, onde as e os participantes mergullaranse en superficie para coñecer a lenda dos naufraxios de Rande. O prezo vai dos 10 aos 20 euros.

Outra das actividades do programa é  o bautismo de surf, da man de Prado Surf Escola, na praia de Patos, en Nigrán, os días 7 e 21 de outubro, con prezos entre os 5 e os 10 euros. Finalmente, Augaventura complétase con clases de windsurf o 16 de outubro no Liceo Marítimo de Bouzas en colaboración con Tierra y Mar e con prezos de 10 a 20 euros e de mergullo, en colaboración con Buceo Islas Cíes. Neste caso as persoas interesadas poden elixir entre practicar a actividade na piscina universitaria, cun prezo de entre 15 e 30 euros, os días 11 de outubro ou 18 de outubro; ou ben nas illas Cíes, cun prezo entre 30 e 60 euros, os días 20 ou 27 de outubro.