DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con motivo da súa xubilación tras 32 anos no Departamento de Física Aplicada

Bágoas e agradecementos na homenaxe á profesora Betty León na ETS de Enxeñería Industrial

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 22/10/2010

Grazas. Esa foi a palabra máis repetida este venres na homenaxe que lle brindaron os compañeiros do Departamento de Física Aplicada á profesora Betty León, que se xubila tras 32 anos nunha Universidade na que o seu labor “foi de vital importancia, porque é un piar do seu nacemento e crecemento”, como explicou a vicerreitora de Investigación ,Asunción Longo. Emocionada, con bágoas nos ollos a cada paso e un paquete de panos de papel sempre na man, a doutora non deixou de oír palabras de eloxio dos que xa forman parte da súa “segunda familia”, loubanzas que arrancaron cun vídeo dunha das súas primeiras conferencias alá polo ano 1985.

Viva, enormemente activa, sempre buscando unha aplicación práctica ás áreas máis diverxentes e tratando de resolver canto problema se lle puxera por diante, coa súa marcha “a Universidade de Vigo perde unha persoa non só de gran valía profesional, senón persoal”. Atrás queda un currículo de máis de 60 páxinas, 450 actividades nos últimos 20 anos e tres grupos de investigación aos que seguirá vencellada de xeito máis lixeiro. “Habería que estudar facer un Estatuto de Profesores Xubilados como o que existe na Universidade da Coruña para regular a relación deste grandes profesionais que se van”, pediu na súa intervención José Peleteiro, director do Departamento de Física Aplicada.

Sen dúbida, o momento máis emotivo da tarde chegou coa intervención do seu “compañeiro en tantas batallas” nas últimas tres décadas, Mariano Pérez-Martínez y Pérez-Amor, primeiro director do Departamento de Física Aplicada e que, xunto con Betty León, fixo que as investigacións da Universidade de Vigo nesta materia tiveran recoñecemento internacional. Un problema persoal impediulle asistir en persoa, “pero non en espíritu”. A través dun vídeo, o profesor xa xubilado gabou a súa enerxía positiva, os seus sabios consellos e a forza que lle deu a natureza, “que sempre desexabamos que fose menor cando nos poñía firmes”. “Sinto admiración, respeto e afecto por ti. Sei que aínda que te xubilas tes a cabeza chea de novos proxectos. Só dicirche que tiven moita sorte o día que te cruzaches na miña vida”, sentenciou o profesor.

Dando guerra

Rodeada de compañeiros de sona internacional na ETS de Enxeñería Industrial, a protagonista da xornada tamén tivo que saír á palestra a dar “a primeira conferencia da súa nova vida”. Con sentido do humor e moi nerviosa, a profesora de Física Aplicada quixo aproveitar o momento para reivindicar unha vez máis “unha formación básica de calidade, porque as perspectivas do actual sistema educativo son malas. Non só por diñeiro, senón por un problema grande de eficiencia no que facemos e de organización. Falta espíritu de sacrificio e de esforzo no traballo nas novas xeracións”, explicou.

Xa máis relaxada, o resto das súas verbas foron de agradecemento aos seus compañeiros de camiño “que me facedes sentir que non todo está perdido”, a esas amizades para toda a vida, a súa familia e, en especial, ao seu marido, José Outes, presente na homenaxe, e aos seus dous fillos “que non deixan de proporcionarme satisfaccións persoais e profesionais”. Xa ten claro a que dedicar o tempo de lecer: pintar, tocar o violín, cociñar, viaxar e desfrutar do seu neto.
“Foi unha homenaxe entrañable”, recoñeceu pouco despois de descubrir a placa do Laboratorio de Novos Materiais que desde hoxe leva o seu nome. Pola noite, cea no restaurante do Museo do Mar de Alcabre e moitas horas por diante para facer deste un día inesquecible.