DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Banco de recursos para docentes universitarios

A Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa pon en marcha un portal dirixido aos profesores

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 15/10/2007

“Un banco de recursos no que o profesor pode atopar materiais e recursos do máis variados para axudalo na súa docencia”, así define Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, o novo portal web para profesores, un innovador proxecto no que os docentes universitarios copan o protagonismo.
O portal está pensado coma un punto de encontro entre profesionais. “O obxectivo principal é servir de axuda aos nosos docentes pero tamén ter unha ferramenta que sirva de difusión dos traballos que están a facer. O intercambio de experiencias entre profesionais é básico para a mellora da docencia e, neste senso, o portal vai ser clave”, salienta Pedro Membiela.
“O que estamos presentando aquí non é máis ca o inicio do camiño, un sendeiro que se vai caracterizar pola renovación continua”, salienta o vicerreitor en referencia a que “non é un proxecto acabado, senón que acaba de comezar, pois a a nosa idea é que se vaia facendo coa axuda dos profesores. Ademais, renovarase periodicamente con novos recursos e materiais”.

A variedade de recursos caracteriza a web

A variedade de recursos caracteriza o novo portal, onde teñen especial peso os recursos on line. “Hoxe en día estes recursos son moi importantes. É información á que é moi cómodo acceder e que che permite dispor dunha enorme variedade de datos”, subliña o vicerreitor.
Referencias, información ao profesorado, formación de profesorado, biblioteca on line, recursos educativos, innovación educativa e ligazóns son os bloques centrais da nova páxina.
No que se refire ao bloque de Referencias fíxose un traballo previo de selección de libros e artigos de interese para o profesor universitario. Xunto a este material incluíronse tamén outros recursos, tipo vídeos, páxinas web ou materiais didácticos realizados por profesores, “iniciativas individuais que aínda se están desenvolvendo, polo que a súa busca é máis complicada”, comenta Membiela.
A oferta de congresos, cursos ou xornadas de interese para os docentes son outros dos materias aos que poden acceder.
En canto ao apartado Recursos Educativos, o vicerreitor salienta que “recolle todas as cuestións relacionadas con software útil para a docencia, así como diferentes materiais audiovisuais”.

Portal de Formación e Innovación Educativo na Universidade