DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus presenta seis propostas formativas para os meses de xullo e setembro

Un baño de coñecementos para pasar este verán

O mundo TIC, a etnoloxía ou a escritura creativa en textos audiovisuais, algunhas das novidades dest

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 21/05/2013
Familiarizar aos actuais e futuros docentes do ensino medio e universitario coas novas Tecnoloxías da Información e Comunicación é un dos piares que sustenta a última proposta formativa da Vicerreitoría do campus de Pontevedra para os vindeiros meses de xullo e setembro, seis cursos e obradoiros nos que as novas tecnoloxías terán un papel protagonista. Con este curso, que pechará a programación de verán, trátase de “facilitar a aprendizaxe das novas técnicas no eido da docencia e da comunicación grazas ás múltiples posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías e as redes sociais”, asegura a responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus, Ana Belén Fernández Souto. Cunha duración de 35 horas e cun prezo de 50 euros, este curso sobre o uso das TICs como soporte docente conta co respaldo da rede de investigación TelGalicia que capitanea a Universidade de Vigo e impartirase, entre o 9 e o 12 de setembro, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Seguindo esta liña, a segunda proposta da vicerreitoría para este verán “quere presentarlle ao alumnado os recursos tecnolóxicos idóneos para mellorar as súas habilidades no exercicio profesional en calquera actividade relacionada co deporte e a actividade física”, salienta Fernández Souto. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte será o escenario o que se imparta entre o 8 e o 10 de xullo este curso sobre aplicacións tecnolóxicas no eido do ensino, cunha carga lectiva de 30 horas e un prezo de 35 euros.

A terceira destas propostas para estes tres meses non lectivos está dirixida a todas aquelas persoas interesadas en analizar os avances na avaliación, diagnóstico e tratamento da hiperactividade. Unha actividade formativa que xa se realizou con anterioridade en colaboración co Concello de Catoira e que contou noutras edicións cun alto número de participantes. Desenvolverase entre o 29 de xullo e o 2 de agosto cunha carga lectiva de 25 horas e un prezo e 45 euros.

Entendendo mellor aos máis pequenos da casa

Sabedores tamén do éxito dos obradoiros do profesor Uxío Pérez Rodríguez noutras edicións, na programación destes cursos de verán inclúese a última proposta formativa do docente, “na que o alumnado poderá recoñecer e previr condutas e comportamentos anómalos no desenvolvemento psico-ecomocional dos máis pequenos e pequenas da casa”, comenta a responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus. Novamente, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollerá, entre o 8 e o 16 de xullo, este taller práctico que afonda na identificación e prevención das necesidades do apoio educativo. Cunha carga lectiva de 30 horas, o seu custo ascende a 65 euros.

Etnoturismo nas Rías Baixas e escritura creativa no audiovisual

Aínda que achegar aos cidadáns ao mundo do viño non é unha actividade descoñecida para a comunidade universitaria e o público en xeral ao terse desenvolvido en numerosas ocasións no campus de Ourense, está e a primeira vez que se oferta en Pontevedra. “O seu obxectivo é fomentar o patrimonio vitivinícola da zona costeira e achegar aos asistentes á denominación de orixe Rías Baixas”, destaca Fernández Souto. Entre os días 9 e 10 de xullo os participantes recibirán a parte correspondente á formación teórica na Casa das Campás e posteriormente visitarán a adega Matín Códax, situada na localidade de Cambados. O prezo desta actividade ascende a 60 euros e ten unha duración de 20 horas.

Por outra banda, a sexta e última das propostas da vicerreitoría é coñecer as estratexias básicas da escritura creativa, tales como a automotivación, a preparación ou a relaxación nun obradoiro de escritura para textos audiovisuais que se desenvolverá do 16 ao 20 de setembro na Facultade de Ciencia Sociais e da Comunicación. A súa duración será de 20 horas e o seu prezo de 60 euros.

O prazo de matrícula para participar en calquera das seis propostas formativas ofertadas nesta convocatoria ábrese o vindeiro luns 27 de maio.