DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberta na sala de Restauración ata o vindeiro 25 de xaneiro

Belas Artes captura a alma das empresas en ‘Brand Book’13’

A mostra recolle os manuais corporativos creados por alumnado da facultade para tres empresas fictic

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 18/01/2013

Está pensada para atraer ao público, provocar o interese dos consumidores e facilitar a ‘venta’ de produtos ou de marca, tanto en empresas privadas como en outro tipo de organizacións. Nun mercado tan competitivo e cambiante a imaxe corporativa dunha empresa é un dos seus elementos máis importantes e ten que recoller a súa alma, “a súa personalidade, a súa razón de ser”. Unha característica diferenciadora recollida en Brand Book 13, unha exposición dos traballos de 35 alumnos de último curso da facultade de Belas Artes e coordinada pola profesora do centro Ana Soler. Ata o vindeiro 25 de xaneiro, a sala de Restauración servirá de mostrario dos manuais corporativos que os estudantes de Proxectos de Deseño idearon para tres empresas empresas ficticias: Plant’s, unha zapatería ecolóxica; Tataki, un restaurante xaponés de fusión mediterránea; e Trip’s, unha axencia de viaxes.

Logotipos, cartelería, menús, packaging, trípticos e toda variedade de papelería, dende tarxetas de visita ata sobres, tentarán amosar a creatividade desenvolvida por estes iniciados deseñadores para conseguir que as empresas “transmitan mensaxes en diversas contornas”. A importancia de dispor dun bo manual corporativo radica en que a personalidade da empresa configurará “o seu posicionamento e sentará as bases dunha estratexia empresarial” na que se definirá dende o estilo de xestión ata o modelo organizativo.

Proceso creativo

Para desenvolver o traballo, os deseñadores tiveron que centrarse nun longo proceso creativo que parte da recollida de datos das empresas, facendo un estudo previo do que se quere transmitir ao público. Xa coa información na man, os rapaces e rapazas van deseñando e desbotando ideas ata alcanzar unha idea central a partir da que crear un símbolo para cada unhas das proposta ata a súa optimización. Brand Book 13 recolle unha serie de manuais corporativos nos que se poden ver cómo naceu cada logotipo e todo o que o alumnado puido fabricar con el. Un auténtico código creativo de comportamento que sae das aulas para conquistar o mercado.