DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de candidatos e candidatas ábrese o 27 de febreiro

Belas Artes convoca de novo eleccións a Decanato para o 16 de marzo

As dúas convocatorias anteriores pecháronse sen candidaturas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 13/02/2015

Despois que os procesos electorais abertos en febreiro e en decembro do pasado ano se pechasen sen candidaturas, Belas Artes volve chamar ao profesorado, alumnado e persoal de administración de servizos que forma parte da Xunta de Facultade a elixir novo decano ou decana, nunhas eleccións convocadas para o vindeiro luns 16 de marzo. Entre o 27 de febreiro e o 5 de marzo permanecerá aberto o prazo para que o profesorado con vinculación permanente presente as súas candidaturas para situarse á fronte da dirección do centro durante os próximos tres anos, segundo se estipula na resolución emitida polo actual decano en funcións, Juan Carlos Meana.

Trala constitución da Xunta Electoral, o pasado 2 de febreiro, a resolución na que se define o calendario deste proceso fixa para o vindeiro venres 20 a publicación provisional do censo de docentes que poderían optar á situarse á fronte do Decanato. Trala apertura dun período de reclamacións, o xoves 26 publicarase o censo definitivo e, ao día seguinte, abrirase o prazo de presentación de candidaturas, que serán proclamadas de xeito provisional o venres 6 de marzo e de forma definitiva, tras un novo prazo de alegacións, o mércores 11, cinco días antes de que a Xunta de Facultade sexa chamada ás urnas.

As anteriores convocatorias pecháronse sen votacións

Como xa acontecera hai un ano, o proceso electoral aberto neste centro o pasado mes de novembro co obxecto de celebrar eleccións o 16 de decembro, pechouse sen que finalmente houbese votación, xa que non houbo candidatos ou candidatas a asumir a dirección do centro. Juan Carlos Meana recibiu entón a encomenda do reitor de continuar como decano en funcións ata a convocatoria dunhas novas eleccións, que finalmente veñen de ser fixadas para tres meses despois. Deste xeito, este profesor do Departamento de Pintura continuou á fronte da facultade mentres esta completaba o proceso de acreditación das súas titulacións coa visita da comisión avaliadora da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) os días 29 e 30 de xaneiro. Un proceso respecto do que Meana expresa a súa satisfacción despois de “recibir as felicitacións” dos integrantes desta comisión, “polo que, á espera do informe que emitan e dos aspectos que haxa que matizar nos plans de mellora que poidan requirir, podemos amosarnos satisfeitos co nivel da nosa docencia”.

Este profesor do Departamento de Pintura fora elixido decano nas eleccións celebradas en febreiro de 2011, con 38 votos a favor, dous en contra e un en branco, aínda que xa ocupaba este cargo en funcións desde xuño de 2010, despois de que o profesor Ignacio Barcia fose nomeado vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade. Deste xeito, Meana, que previamente desempeñara o cargo de secretario, puido vivir desde a dirección do centro “o deseño do plan de estudos do grao e dos mestrados, así como a súa implantación e a súa primeira avaliación”. Xunto a este docente, formaron parte do equipo directivo do centro nestes últimos anos Paloma Cabello, como vicedecana de Asuntos Académicos; Silvia García, como responsable de Cultura e Relacións Institucionais; Fernando Suárez, como vicedecano de Calidade, e Ana María Suárez como secretaria.

Preto de 650 alumnos e alumnas cursan estudos no presente ano académico 2014/2015 nesta facultade do campus pontevedrés, onde ademais do grao en Belas Artes, impártense os mestrados en Arte Contemporánea, Creación e Investigación e en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual. Así mesmo, o centro acolle tamén os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga), unha titulación propia da Universidade.