DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de candidatos e candidatas ábrese o 25 de novembro

Belas Artes elixirá decano ou decana o 16 de decembro

O proceso electoral aberto o pasado mes de febreiro pechouse sen candidaturas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 07/11/2014

Despois de que o proceso electoral aberto o pasado mes de febreiro en Belas Artes para elixir novo decano ou decana se pechase sen candidaturas, o profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos que forma parte da Xunta da Facultade é chamado de novo a votar o vindeiro martes 16 de decembro. A resolución que vén de emitir o actual decano en funcións, Juan Carlos Meana, fixa o calendario dun novo proceso electoral no que o profesorado con vinculación permanente poderá presentar entre o 25 de novembro e o 2 de decembro a súa candidatura para situarse á fronte da dirección do centro os próximos tres anos.

Trala publicación do calendario electoral, este proceso abrirase o vindeiro venres 14 coa constitución da xunta electoral que se situará á fronte destes comicios. Tres días despois, o luns 17, publicarase de xeito provisional o censo de profesores e profesoras que poderían optar a substituír a Meana na dirección do centro. Este censo será publicado de forma definitiva unha semana despois, trala apertura dun prazo de reclamacións, e o martes 25 de novembro abrirase o prazo de presentación de candidaturas. Estas serán proclamadas de xeito provisional o mércores 3 de decembro, e de forma definitiva, despois doutro período de reclamacións, o martes 9 de decembro. De xeito paralelo, Belas Artes vén de abrir tamén o proceso electoral para elixir aos representantes do alumando, do persoal de administración e servizos e do profesorado con vinculación non permanente na Xunta de Facultade, un proceso que se completará co nomeamento dos novos e novas membros deste órgano colexiado o martes 9 de decembro, unha semana antes de que se celebre a votación para elixir novo decano ou decana.

No mes de febreiro, Belas Artes xa abrira outro proceso electoral para elixir ao novo responsable do Decanato, convocando á Xunta de Facultade a unha votación o 25 de marzo que finalmente non chegou a celebrarse, dado que non houbo candidaturas para situarse á fronte da dirección do centro. Juan Carlos Meana recibiu entón a encomenda do reitor de continuar como decano en funcións ata a convocatoria dunhas novas eleccións. Este profesor do Departamento de Pintura fora elixido decano nas eleccións celebradas en febreiro de 2011 con 38 votos a favor, dous en contra e un en branco, aínda que xa exercía como decano en funcións desde xuño de 2010, tralo nomeamento do profesor Ignacio Barcia como vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade. Xunto a Meana, formaron parte do equipo directivo do centro nestes últimos catro anos Paloma Cabello, como responsable de Asuntos Académicos; Fernando Suárez, como vicedecano de Calidade; Sivlia García, como vicedecana de Cultura e Relacións Instituiconais, e Ana María Suárez como secretaria.

Preto de 650 alumnos e alumnas cursan estudos neste ano académico 2014/2015 nesta facultade do campus pontevedrés, onde ademais do grao en Belas Artes, impártense tamén os mestrados en Arte Contemporánea Creación e Investigación e en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual. Así mesmo, o centro acolle tamén os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga), unha titulación propia da Universidade.