DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha publicación que compila as entrevistas realizadas a seis artistas formados na facultade

Belas Artes mira cara o pasado para reflexionar sobre o presente da pintura

Trátase da segunda entrega da serie ‘En tránsito’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 20/10/2022

Pintura: presente continuo é o título do segundo libro da serie En tránsito, un conxunto de publicacións coas que a Facultade de Belas Artes busca pór en valor a traxectoria dos seus egresados e egresadas a través de entrevistas nas que afondan na súa traxectoria e proxectos artísticos. Editado en risografía dentro do selo de autoedicións impulsado pola propia facultade, Error es Bien, este novo libro reúne as entrevistas realizadas pola tamén egresada, comisaria e xestora cultural Sara Donoso a Marcos Covelo, Manuel Eirís, Isabel Flores, Rut Massó, Arantza Pardo e Mar Vicente. Seleccionadas e seleccionados pola profesora da facultade Almudena Fernández Fariña, trátase de seis artistas que, desde diferentes perspectivas, teñen no traballo coa pintura o eixo da súa traxectoria artística. “Observamos como os seus intereses oscilan entre a reafirmación da tradición pictórica e a súa reformulación”, salienta esta docente, que incide nese senso en como, a través destes seis creadores, o libro achégase tamén ao “debate da pintura contemporánea”, no que conflúen a tradición e as “novas experiencias vencelladas nun sentido amplo ao pictórico”. 

Egresados que se reúnen en torno a un eixo temático

Desde o ano 2017, a comisaria e xestora cultural Sara Donoso encárgase da realización dunha serie de entrevistas que se publican na propia web de Belas Artes e que, entre outras cuestións, permiten ao alumnado actual coñecer os “proxectos, procesos, traballos, inquedanzas e incertezas” de artistas e profesionais formados na facultade, así como a influencia que o seu paso por esta tivo nas súas traxectorias. Esta iniciativa deu lugar a unha primeira publicación, Antes, durante, despois, que se viu continuada o pasado ano co primeiro libro do proxecto En tránsito, que se insire no selo Error es Bien. A idea desta serie, explica Donoso, é convidar cada ano a un docente da facultade “a propor unha selección de artistas para entrevistar, en relación a unha temática máis ou menos definida”. Na primeira entrega, Desbordamentos, o seleccionado foi o artista e docente Juan Carlos Román, mentres que para este novo libro optouse por Fernández Fariña, cuxo traballo artístico e investigador vincúlase á “análise da idea da pintura, a súa expansión e a permeabilidade das súas múltiples definicións”. Desde ese punto de partida, a docente epropuxo unha selección de titulados e tituladas que permitise achegar a este libro “unha perspectiva ampla das formas e posiblidades da pintura hoxe”, como destaca Donoso. 

Os vieiros polos que transita a pintura

“O criterio para facer a selección foi buscar artistas cunha traxectoria consolidada e que tiveran como eixo da súa práctica artística a pintura”, explica Fernández Fariña, quen, “sen buscalo”, realizou tamén unha escolla que permitía achegarse ás máis de tres décadas de historia da facultade. Non en van, dela forman parte tanto unha titulada da primeira promoción, Ruth Massó, como artistas que se atopan cursando actualmente o doutoramento, como Flores. “As súas traxectorias mostran as diferentes liñas discursivas ou vieiros polos que transita a pintura hoxe”, engade a artista e docente, que incide en como o libro permite afondar, a través destes seis artistas, tanto na idea da pintura “pintada”, aquela que “non abandona o lenzo, o pincel e o proceso manual”, como a da pintura “expandida, híbrida ou deconstrutiva, que cuestiona e se interroga sobre as convencións nas que se ten asentado a tradición pictórica”. De aí que Fernández Fariña poña de relevo como esta escolma de entrevistas mostra tamén que “o interese e a vitalidade da práctica pictórica persiste nas últimas xeracións”, de tal xeito que “pese a súa tradición secular, continúa sendo unha linguaxe actual e axeitada para reflexionar, expresar e interpretar a complexidade do noso tempo”.

Estas ideas reflíctense no texto A pintura mesma, incluso, co que a docente abre un libro con deseño, ilustracións e maquetaxe de Abraham Alonso. O primeiro dos entrevistados é o profesor asociado Marcos Covelo, co que Donoso explora un traballo artístico que se achega á escultura e á instalación coa “mirada posta no pictórico”, como salienta. A continuación, afonda en como a obra do licenciado en Belas Artes Manuel Eirís “investiga a pintura con pulso atento e reflexivo”. No caso de Isabel Flores, o seu traballo artístico defínese por situar “o pictórico fóra do lenzo para abrazar o espazo da arquitectura e da instalación”, como apunta Donoso, mentres que “un proceso de códigos e de revelacións que asumen múltiples formas de habitar a pintura” definen o traballo de Rut Massó, que desde finais da década de 1990 desenvolve a súa traxectoria en Alemaña. Por outra banda, en Reino Unido e Austria, respectivamente, transcorreron as carreiras das dúas últimas entrevistadas, Artanza Pardo e Mar Vicente, tras a súa etapa na facultade. No caso de Pardo, a súa práctica pictórica levouna a explorar “novas formas de observación e reflexión de natureza”, a partir da “reconfiguración” de imaxes de astrofísica. Vicente, pola súa banda, explora unha liña traballo que se sitúa “entre o pictórico e escultórico”, con obras que parten de formas xeométricas para propor “un xogo co soporte, co elemento cromático, coa arquitectura e, sobre todo, coa luz”, como explica Donoso.