DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por desenvolver innovadoras metodoloxías pedagóxicas no ensino desta ciencia

Benito Vázquez recolle en Madrid o Premio da Real Sociedade Española de Física

Agradeceu un galardón “que pon en valor ante a sociedade a dimensión pedagóxica da Universidade"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/12/2023

Con emoción, satisfacción e lembrándose “das persoas que senten similar felicidade á que agora eu experimento, a miña contorna familiar e de amizade, a miña Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, a miña Universidade de Vigo…”. Así se expresou o catedrático José Benito Vázquez Dorrío ao recoller o pasado serán na sede da Fundación BBVA en Madrid o Premio Ensinanza e Divulgación da Física da Real Sociedade Española de Física, galardón que lle fora outorgado o pasado mes setembro “pola extraordinaria calidade do seu labor formativo, especialmente no desenvolvemento de metodoloxías innovadoras para o profesorado”.

Premiado na categoría de Ensinanza Universitaria, Vázquez Dorrío puxo o foco sobre como o alumnado é unha extraordinaria “porta” para mandar a toda a sociedade a mensaxe de que “a educación e a investigación son os piares que fan posible unha vida tan doada e sinxela como a que temos actualmente nun mundo tan tecnificado”.

Lembrou na súa intervención como desde os seus inicios como docente na Universidade de Vigo, hai máis de trinta anos, ao mesmo tempo que comezaba coa súa tese de doutoramento en Óptica Aplicada, fixo “da necesidade virtude”, nese complexo contexto, decidindo dedicar tempo de reflexión e esforzo  para adaptar, deseñar, desenvolver, crear... metodoloxías e actividades práctico-experimentais para a ensinanza da Física. “Posteriormente, ampliamos este campo de investigación e innovación educativa a outras ciencias e enxeñarías, niveis educativos e contornas sociais; compartimos a nosa experiencia en curso e congresos; visibilizamos as nosas propostas en publicacións, na web, nos medios...”, explica o docente, remarcando así que se “valora o que se coñece e non hai mellor recurso para o profesorado que outro profesorado que comparte a súa experiencia”.

“Aprender Física facendo Física... desde Xapón, pasando por Ucraína, ata Perú”

Os Premios de Física recoñecen a creatividade, o esforzo e os logros neste campo fundamental da ciencia para dar impulso e visibilidade aos mellores investigadores e investigadoras do país, con especial atención á mocidade investigadora, así como a excelencia na súa ensinanza e divulgación. Dotados con 50.000 euros distribuídos entre todas as súas categorías -un total de dez--, este galardóns foron instaurados pola Real Sociedade Española de Física en 1958 e son xa unha tradición no ámbito da física española. A Fundación BBVA colabora con estes galardóns desde 2008 no marco da súa actividade de promoción da investigación de excelencia e difusión do coñecemento científico á sociedade.

“Pola miña banda, gustaríame pensar que este tipo de premio pode animar a outro profesorado a dedicar parte do seu talento e paixón creativa a producir coñecemento de calidade sobre a ensinanza e divulgación da Física, quen mellor que nós para melloralas”, recalcou Vázquez Dorrío, quen tampouco se quixo esquecer de “todos os centros de secundaria de Galicia, de España, de Portugal e de todos aqueles lugares cos que temos compartido esta proposta de Aprender Física Facendo Física... desde Xapón, pasando por Ucraína, ata Perú”.