DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As clases comezan no campus de Ourense coa presentación dos centros e das materias

Benvidos e benvidas e mans á obra

Pedro Veiga, de Novacaixagalicia, ofreceu a conferencia inaugural da Facultade de Ciencias Empresari

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 05/09/2011
Comezou setembro, comezou o curso universitario 2011/2012 e este luns comezaron as clases nas aulas do campus de Ourense. A maior parte dos centros deron a benvida ao seu alumnado, con especial atención ao de primeiro curso, presentándolle os seus estudos e instalacións, ofrecéndolle unha panorámica de como se desenvolverá este novo ano académico e explicándolle os servizos que teñen á súa disposición no campus. Para dar o pistoletazo de saída, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo convidou ademais a Pedro Veiga, director de planificación estratéxica de Novacaixagalicia, para falar da crise económica e da súa superación. Trala presentación xeral, chegou a hora de pórse mans á obra e iniciar as clases.

Os máis madrugadores foron os alumnos de primeiro curso da Facultade de Dereito, que foron recibidos polo seu equipo decanal con Miguel A. Michinel á cabeza. Como novos membros do campus de Ourense, ademais de achegarse ás características dos estudos que van a realizar, os asistentes puideron coñecer os servizos de Deportes e Cultura, a Biblioteca e o Gabinete Psicopedagóxico. Os seus responsables, Rodrigo Pivida, Filemón Rivas, Julia Jiménez e Angélica Ferro, foron un a un presentando aos estudantes as instalacións e actividades que ofrecen.

“Agradecervos en primeiro lugar ter escollido a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Universidade de Vigo para realizar os vosos estudos. Elixístedes un centro que este mes cumpre vinte anos de existencia e unha universidade que está entre as 500 mellores do mundo segundo o ránking de valoración máis empregado”. Con estas palabras tamén recibía o director Enrique Barreiro e o seu equipo aos novos estudantes de Enxeñaría Informática. Do mesmo xeito, Pedro Araújo, decano da Faculta de Ciencias, e o seu equipo deron a benvida aos novos estudantes dos tres graos que ofrece o seu centro e animáronos a enfrontar esta nova etapa da súa traxectoria con gañas e éxito.

Para comezar, a crise

Na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, como en anteriores edicións, o curso comezou cunha conferencia inaugural, a cargo nesta ocasión de Pedro Veiga, director de planificación estratéxica de Novacaixagalicia, quen desculpou a presenza do director xeral da entidade, José Luis Pego, que finalmente non puido acudir ao acto. Elisa Alén, decana do centro, foi a encargada de presentar a conferencia destacando a súa actualidade e pertinencia. Para escoitala entre os asistentes estaban alumnado do centro, docentes, autoridades de Novacaixagalicia e de Ourense, como Camilo Ocampo, subdelegado do Goberno na provincia.

Durante a súa intervención, Veiga salientou que “a crise económica tivo un detonante financeiro, as hipotecas subprime, pero a súa orixe está nos desequilibrios económicos que se xeraron na fase expansiva da economía”. Na súa opinión, “dicir que as entidades financeiras foron as culpables é simplificar moito, son unha compoñente máis na complexa engrenaxe da crise”. Tralo repaso aos feitos e á evolución da crise económica desde o verán de 2007 ata a actualidade, o director esbozou algunha das posibles saídas a esta situación. “A crise non se resolve só coa reestruturación das entidades financeiras. Esixirá corrixir outros desequilibrios da economía real. Á espera dun desencadeante de reactivacación, non hai atallos pero tampouco mal que 100 anos dure”, apuntou. Neste contexto, Pedro Veiga animou aos estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo a seguir formándose e a ser audaces e innovadores, “porque como dixo Albert Einstein, nos momentos de crise só a creatividade é máis importante que o coñecemento”.

Ademais destes actos conxuntos de benvida, os alumnos foron, en todos os centros do campus, incluíndas as facultades de Ciencias da Educación e Historia, coñecendo as primeiras materias que terán que estudar este curso. Entre presentación e presentación, nos corredores e cafeterías houbo tempo para coñecerse por primeira vez ou para pórse ao día despois do parón do verán.