DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No primeiro seminario científico que organiza o proxecto mixto da Universidade de Vigo e o Chuvi

BIOCAPS toma corpo e presenta as súas primeiras cinco fichaxes

Traballarán en bioloxía molecular e celular, laboratorios animais, inflamación e farmacoloxía preclí

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 12/06/2013
A primeira fase do proxecto BIOCAPS, que arrancou no mes de febreiro, colleita xa os seus primeiros froitos que se traducen na incorporación dos primeiros cinco investigadores e investigadoras sénior. A súa presentación e a das súas liñas de traballo realizouse este mércores no marco do primeiro Seminario Científico BIOCAPS, Ciencia Interdisciplinar en Biomedicina. Roberto Carlos Agis-Balboa, Luiz Stark, Eva Mª Vigo, Miriam López e Susana Álvarez, acompañados polo reitor da Universidade, Salustiano Mato, e pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, explicaron os seus respectivos campos de traballo, a bioloxía molecular, a inflamación, a investigación en laboratorios de animais, a bioloxía celular e a farmacoloxía preclínica, respectivamente.

BIOCAPS conta cun financiamento de 4,6 millóns de euros do 7º Programa Marco da UE coa finalidade de apoiar o crecemento e consolidación do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo (IBIV), centro mixto da Universidade de Vigo e o Servizo Galego de Saúde. A estes cinco primeiros investigadores uniranse en próximas datas outros dous expertos en tecnoloxía da imaxe e envellecemento, que se atopan en proceso de selección.

Unha maridaxe frutífera

Na benvida aos cinco novos investigadores, o reitor afirmou que BIOCAPS é un salto cualitativo na frutífera relación de colaboración iniciada hai dez anos entre a entidade que representa e o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Chuvi. “É un proxecto de grande envergadura, de excelencia, gañado en concorrencia competitiva e que combina de forma intelixente as capacidades científicas da Universidade e o Chuvi”, destacou. Mato subliñou que cando se fala de cooperación intelixente e de Europa, e máis no ámbito da investigación, “temos que pensar que somos pequenos, pero iso non quita que non sexamos capaces e precisamente temos que potenciar as nosas capacidades nas áreas nas que temos singularidades”. Segundo explicou, o obxectivo de BIOCAPS é posicionar o IBIV para poder participar nos mellores polos de investigación biomédica a nivel internacional. “Facernos visibles en Europa, a partir dese momento poderemos contribuír a maior escala”, concluíu o reitor.

Pola súa banda, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, destacou que BIOCAPS é un proxecto prioritario no marco da Estratexia Sergas 2014 polo seu potencial para consolidar o IBIV, “magnífico exemplo de combinación entre docencia, investigación e innovación”. Mosquera incidiu na importancia da compoñente de transferencia de resultados de investigación que ten o proxecto. “Queremos potenciar a transferencia para poder incorporar o coñecemento á práctica asistencial o máis rápido posible, tanto no que se refire á prevención e á diagnose como ao tratamento”, afirmou. A isto engadiu a relevancia do factor internacionalización que achega BIOCAPS, tanto para compartir coñecemento con investigadores biomédicos de referencia do resto de Europa como para abrir novas vías de financiamento para a investigación.

Roberto Carlos Agis-Balboa. A relación entre o ambiente e os xenes

Tras a presentación de África González, coordinadora de BIOCAPS, e Carmen Navarro, directora científica do IBIV, o biólogo molecular Roberto Carlos Agis-Balboa, foi o encargado de abrir a xornada expoñendo os obxectivos asociados á súa investigación sobre a modulación epixenética para tratar trastornos cognitivos. Continuará así a súa liña de traballo dos últimos anos, centrada no estudo da interacción xenoma-ambiente que se produce durante o deterioro cognitivo asociado co envellecemento, os trastornos psiquiátricos (en especial os relacionados coa ansiedade, como o estrés postraumático) e as enfermidades neurodexenerativas, como o Alzheimer. En concreto, Agis-Balboa afondará en como o ambiente e o estilo de vida afectan á expresión dos xenes e, en particular, á produción de proteínas relacionadas con esas enfermidades.

Luiz Stark. Mecanismos inflamatorios na fibrose

Luiz Stark, experto en inflamación, presentou o seu proxecto de estudo sobre os mecanismos inflamatorios involucrados na fibrose e a busca de potenciais actuacións terapéuticas. Segundo precisou, a fibrose é un gran problema de saúde pública porque intervén como causa de preto do 50% das mortes nos países desenvolvidos. Os mecanismos inflamatorios involucrados neste proceso aínda non están claros,lo que dificulta o establecemento dunha terapia efectiva, campo sobre o que Stark investigará co seu equipo.

Eva María Vigo. Efectos de enfermidades endocrinas

Pola súa banda, a especialista en laboratorios animais Eva María Vigo abordou o uso de modelos animais en investigación biomédica e explicou que o seu traballo no marco de BIOCAPS centrarase no estudo de factores implicados en patoloxías como a obesidade ou a diabete e en como estas enfermidades endocrinas afectan ao desenvolvemento e función pulmonar ou a problemas reprodutivos como a baixa fertilidade. O sistema endocrino regula funcións básicas para a vida como o crecemento ou o metabolismo e as patoloxías que lle afectan, producidas por alteracións hormonais, están entre as enfermidades que afectan de forma máis frecuente nos países desenvolvidos.

Miriam López. Resposta biolóxica a novos biomateriais

Durante a súa intervención, a experta en bioloxía Miriam López explicou que se incorpora ao proxecto europeo do IBIV para desenvolver o seu labor de avaliación da resposta biolóxica in vitro de novos biomateriais e nanomateriais, apostando tamén pola experimentación en condicións dinámicas (biorreactores), o modelo animal e a investigación preclínica. O seu traballo permitirá avances no eido da medicina rexenerativa e enxeñería de tecidos, que consiste na produción de tecidos biolóxicos no laboratorio a partir de células do propio paciente, empregando biomateriais como soporte-guía. A finalidade é substituír os actuais implantes, próteses ou transplantes por estes tecidos, con mellor resposta e menores posibilidades de rexeitamento.

Susana Álvarez. Ferramentas de diagnose

Finalmente, Susana Álvarez, especialista en farmacoloxía preclínica, explicou polo miúdo as tarefas que levará a cabo no marco da súa liña sobre novas ferramentas para diagnose e terapia. En concreto, a doutora e o seu equipo traballarán na identificación dos factores bioquímicos e moleculares relacionados coa aparición e a progresión das enfermidades e na busca e optimización de novos fármacos.