DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas polo grupo de investigación EQ-2

A biomasa e o desenvolvemento sostible centran unhas xornadas na Facultade de Ciencias

Nelas abordáronse temas como a estratexia de economía circular do Sergas, o refino e os biocompostos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Académica
DUVI Ourense 22/09/2023

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este venres a celebración da Xornada Biomasa e Desenvolvemento Sostible 2023, organizada polo grupo EQ-2 da Universidade de Vigo. Con esta actividade anual, o grupo quere presentar unha visión xeral das súas liñas de investigación, dos estudos levados a cabo por investigadoras e investigadores formados nel e que actualmente desenvolven o seu labor noutros centros de investigación estatais e estranxeiros e tamén por outros especialistas cos que colaboradoran. O seu comité organizador estivo formado por Carlos Vila, María Dolores Torres, Sandra Rivas e Noelia Flórez.

A programación arrancou cunha conferencia de Beatriz Piñeiro (Galaria, Sergas), que falou sobre a estratexia de economía circular do Sistema Galego de Saúde, da que destacou o seu carácter pioneiro a nivel internacional. Seguiulle unha conferencia de José Mazón (Espindesa, LSB, Enka-Hol, Cepsa) sobre o refiro e outra de Loretto Contreras (Universidad Andrés Bello) titulada Desde a taxonomía clásica á ecoloxía en algas para a obtención de alimento funcional e biomateriais: casos de estudo. Para rematar, Carlos Vila falou sobre o grupo de investigación Biomasa e Desenvolvemento Sostible EQ-2, do Departamento de Enxeñaría Química da UVigo. Este grupo, recoñecido como grupo de excelencia pola institución académica e grupo de referencia pola Xunta de Galicia, ten como obxectivos principais de investigación o uso de residuos de biomasa vexetal para obter produtos de interese para alimentos, química, materiais, encimoloxía e microbioloxía. Con sede no campus de Ourense, está na actualidade coordinado pola catedrática Herminia Domínguez e formado por arredor dunha vintena de investigadoras e investigadores.