DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No primeiro partido do ano os vascos gañaron por 37-0 ao equipo vigués

O Bizkaia Gernika atropela ao Universidade Iveco

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 09/01/2012
O Universidade Iveco non foi quen de cambiar o rumbo dos seus resultados na máxima categoría do rugby nacional coa chegada do novo ano. No primeiro encontro disputado en 2012 o equipo vigués sufriu unha incontestable derrota por 37-0 a mans do Bizkaia Gernika que foi claramente superior nas dúas partes dun partido moi condicionado polo estado no que se atopaba o terreo de xogo.

O xogo pechado e as continua paradas marcaron a primeira parte na que os vascos tiveron a posesión do balón e impediron ao Universidade Iveco saír do seu campo. No segundo tempo o encontro gañou en axilidade e vistosidade pero só por parte do Gernika, mentres o equipo vigués seguía sufrindo en defensa o continuo ataque basurde. Pasados dez minutos do inicio da segunda parte, Astarloa acadaba o primeiro ensaio que transformaría Mantovani. A partir de aí o Gernika centrouse no ataque para acadar máis ensaios e o bonus ofensivo, chegando ao final do encontro co resultado final de 37-0.

Tras esta contundente derrota o Universidade Iveco que segue a ser o pechacancelas da categoría descansará da competición o vindeiro fin de semana e será dentro de dúas cando viaxe a Barcelona para enfrontar un difícil compromiso co líder da liga o Santboiana.