DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os encontros disputáronse este xoves no campus de Ourense

Bo nivel e deportividade nos Campionatos Intercampus de Tenis de Mesa 2011

Victoria Cadilla, Lucas Rodríguez e Andrés Faguín acadaron os primeiros postos

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 01/04/2011
No seu obxectivo de fomentar a práctica deportiva entre o abano máis amplo de públicos, o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo intenta abranguer e dinamizar modalidades que non son maioritarias, como é o caso do tenis de mesa. Este xoves organizaron no campus de Ourense os Campionatos Intercampus de Tenis de Mesa 2011, uns encontros nos que o bo nivel e a deportividade deixaron un moi bo sabor de boca a organizadores e público.

Nesta edición participaron 13 xogadores dos tres campus da Universidade de Vigo, que se achegaron ao Pavillón de Deportes ourensán a disputar os seus respectivos encontros. Na categoría individual feminina quedou clasificada en primeiro lugar Victoria Cadilla, en segundo Noa Míguez e en terceiro lugar Isabel Silva. Na modalidade masculina individual o primeiro posto foi para Lucas Rodríguez, o segundo para Miguel López, o terceiro para Juan Ángel Ferreiro e o cuarto para Denís Requejo.

Xa en dobres o primeiro lugar foi para a parella formada por Lucas Rodríguez e Andrés Faguín, o segundo para Juan Ángel Ferreiro e Miguel López, o terceiro para Mauro Gómez e Denís Requejo e o cuarto para as xogadoras Vicky Cad e Isabel Silva. O campus de Ourense, ademais de organizar e acoller o campionato, participou do podio grazas á presenza nel de Juan Ángel Ferreiro, monitor de tenis de mesa do campus ourensán.

Rodrigo Pivida, técnico do Servizo de Deportes do campus de Ourense, salienta que foron uns encontros que se desenvolveron nun ambiente de deportividade e sa competitividade e unha oportunidade de compartir xogo entre os membros da comunidade universitaria que practican este deporte. “Destacaría o bo nivel dos partidos disputados, xa que varios dos deportistas participantes xogan en equipos federados” explica Pivida.