DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrouse en Cazorla e Vigo estivo representada por Brais Piñeiro e Teresa Bellón

Bo sabor de boca do equipo vigués no Campionato de España Universitario de Orientación

Cun 2º posto entre as universidades que so participaban con dous corredores

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 19/04/2018

A Universidade de Vigo sigue sumando bos resultados nos Campionatos de España Universitarios deste 2018. O último en celebrarse foi esta semana o de Orientación a Pé, na localidade andaluza de Cazorla. A institución olívica participou na proba con dous corredores, Brais Piñeiro e Teresa Bellón que se mediron a deportistas de outras 30 universidades, entre eles o actual campión de España absoluto, Andreu Blanes ou a vixente campioa de España absoluta na distancia media, Violeta Feliciano, ambos corredores da Universidad Católica de Murcia.

O campionato arrancaba o martes coa proba de distancia longa, no mapa La Fresnedilla. Un terreo con grandes desniveis que esixía grandes destrezas técnicas, dado que combinaba zonas de vexetación con áreas rochosas. Os orientadores da Universidade de Vigo terminaban a carreira con boas sensacións pese á esixencia tanto técnica como física. Brais Piñeiro ocupaba á 22ª posición masculina entre medio centenar de participantes, mentres que Teresa Bellón finalizaba en 18ª posición.

Tras a distancia longa, a xornada de competición continuaba no casco urbano de Cazorla coa distancia sprint. Unha proba rápida á vez que dura, debido aos grandes desniveis do pobo. A pesar da dureza da proba anterior, Teresa Bellón finalizaba en 14ª posición e Brais Piñeiro chegaba no posto 21º, mellorando ambos os seus resultados da distancia longa.

A distancia media poñía o broche de ouro a este campionato, celebrada na zona Riogazas, próxima a Cazorla. A carreira caracterizouse por un acusado desnivel, polo que primou a forma física dos participantes. Brais Piñeiro acababa no posto 19º e Teresa Bellón no 14º.

Finalmente, na clasificación por universidades, a Vigo conseguía o 2º posto entre as universidades que so competían con dous participantes, mentres que na clasificación xeral remata en 15ª posición. Tras o campionato universitario, esta fin de semana retómase a competición autonómica, coa celebración en Santiago o sábado do Campionato Galego Universitario.