DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Maribel Castro relata a súa experiencia como investigadora, artista e docente

"Un bo traballo nunca queda no tinteiro"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Cristina Rodríguez / Francisco Prieto DUVI 05/04/2013

Nova protagonista para a terceira xornada do ciclo de conferencias De promesa a realidade, Maribel Castro, unha antiga alumna da Facultade de Belas Artes que ten desenvolvido unha importante colaboración como investigadora coa Universidade Complutense de Madrid. A través da súa experiencia persoal, cun perfil diferente ao dos outros convidados a estes relatorios, describiu aos alumnos cal é a realidade coa que se poden atopar ao rematar a carreira atendendo ás tres facetas nas que ela desenvolveu a súa traxectoria profesional: a produción artística, a docencia e a investigación.

Castro destaca que un factor determinante na súa configuración como investigadora e docente foi, sen dúbida, o seu paso pola Facultade de Belas Artes. Sempre tivo claros os seus estudos aínda que, como sinalou no seu relatorio, “ninguén coñece como será o mundo co que se vai atopar ao rematar a carreira, sobre todo tendo en conta que o contexto económico, social e mesmo artístico tamén mudou”. Por outra banda, estudar Belas Artes supoñía unha formación multidisciplinar que lle resultaba altamente atractiva.

A artista egresada aludiu á responsabilidade de facer ben as cousas como un requisito fundamental para sacar o máximo rendemento á capacidade e ao talento, sendo moitas as posibilidades profesionais que ofrece esta carreira: a xestión ou mediación cultural, o comisariado, a crítica de arte, a creación audiovisual, as especialidades artísticas, a creación artística ou a docencia. Calquera destes vieiros precisa da experimentación e do “descubrimento persoal”.

Consellos a ter en conta

Maribel Castro destacou a importancia de saír a estudar fóra nalgún momento da carreira, non só polo feito de mellorar o expediente curricular, senón para ter un punto de vista e unha perspectiva diferente á que estamos acostumados. Ter esa clase de experiencias poden ser moi reveladoras para un artista e para calquera estudante. Por outra banda fixo fincapé na gran importancia de manexar o inglés á hora de atopar traballo ou poder comunicarse coa xente.

A conferenciante animou aos estudantes a crer no seu traballo, a puír o seu talento e a ser responsables coa súa formación, xa que o esforzo sempre ten recompensa e "un bo traballo nunca queda no tinteiro". Dende a súa experiencia como estudante manifestou que comprende mellor que ninguén que ás veces nos atopemos con contidos que cremos que nunca nos han servir para nada, máis todo o aprendido resultaranos útil nalgún momento da vida.