DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo vigués disputará o domingo en Valladolid o derradeiro encontro da temporada

Un bonus bástalle ao Universidade Iveco para garantirse a permanencia

Os cadetes proclamáronse campións

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 09/04/2012
O Universidade de Vigo Iveco terá que agardar ata a derradeira xornada da liga de División de Honra para confirmar a súa continuidade na máxima categoría do rugby nacional da que só o separa un simple bonus defensivo. Na derradeira xornada da División de Honra o Universidade de Vigo Iveco medirase ao líder da categoría o VRAC Quesos Entrepinares nun partido que se disputará o vindeiro domingo en Valladolid e no que os queixeiros non se xogan máis que incrementar a distancia so segundo clasificado da categoría a Santboiana. Dado que unha vitoria ante o líder se presenta complicada para o Universidade Iveco, aos vigueses válelles para garantir a súa permanencia na División de Honra con sacar un bonus defensivo ou, caso de non obter ningún punto, agardar que o Sanitas, derradeiro clasificado da categoría, non gañe ao Getxo co extra ofensivo. Disputadas dezasete xornadas cinco puntos de vantaxe ten o Universidade Iveco respecto do Sanitas.

A continuidade do equipo vigués unha temporada máis na elite do rugby español puido quedar resolta no partido disputado o pasado sábado no campus da Universidade de Universidade de non perder a vantaxe de 19 a 0 que foron quen de acadar sobre o CR La Villa nun partido que rematou coa vitoria do vixente campión de liga por 19 a 25. A consecución dun punto bonus defensivo que permitiu aos vigueses afastarse un pouco máis do Sanitas, foi, sen dúbida, o máis positivo dun encontro moi disputado e pechado.

Éxito das categorías inferiores

E mentres o primeiro equipo terá que agardar ao domingo para confirmar a súa permanencia na máxima categoría do rugby nacional, os equipos das categorías inferiores seguen sumando éxitos. É o caso do Universidade de Vigo Rugby cadete que se proclamou oficialmente a falta dunha xornada, campión galego grazas á derrota do Pontevedra RC ante o CRAT en partido atrasado que se xogou onte.
Pola súa banda o segundo equipo do Universidade de Vigo Iveco gañou o partido xogado ante o Fendetesta por un contundente 104 a 5. Falta que se dispute un encontro aprazado no seu día para que o conxunto vigués, un dos máis goleadores do rugby español, poida ser proclamado oficialmente campión.