DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os deportistas da Universidade regresan de Corea con dúas medallas

Borja Ríos consigue o segundo bronce para Vigo no Mundial Universitario de Taekwondo

Tras gañar aos representantes de Mongolia e Brasil, caeu 3 - 5 ante o francés Sangue

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 30/05/2012
Se o domingo era a taekwondista Laura Lorenzo a que daba a sorpresa coa consecución dun bronce no Mundial Universitario de Taekwondo que estes días se celebra na cidade koreana de Pocheon, hoxe é Borja Ríos o que volve conseguir outro bronce para o equipo da Universidade de Vigo. Fíxoo na categoría de -63 kg, tras gañar o seu primeiro combate ao representante de Mongolia por un contundente 4 – 1, repetir fazaña en cuartos de final fronte a Brasil e caer en semifinais fronte ao francés Arnaud Sangue, bronce europeo 2005, medallista na Universiada de Bangkok 2007 e bronce tamén no Open Británico 2011. Se ben o galego loitou ao máximo por esa final, caeu nun combate moi axustado que rematou cun axustado 3 - 5.

Estudante de Fisioterapia no campus de Pontevedra Borja Ríos logra así un novo éxito na súa carreira deportiva, que ven a sumarse, entre outros, á consecución no pasado mes de abril da medalla de ouro do Campionato de España Universitario de Taekwondo, un torneo no que o equipo universitario vigués logrou revalidar, por segundo ano consecutivo, o título de campión.

Estes excelentes resultados acadados en Madrid foron unha excelente tarxeta de presentación que abriu as portas ao mundial universitario a tres taekwondistas da Universidade de Vigo: Borja Ríos, Laura Lorenzo e Katia Calvar, “ o que supón un éxito sen precedentes no deporte universitario” valoraba o adestrador do equipo, Salvador Fontán, tras coñecer que os tres estaban clasificados para acudir ao mundial que hoxe remata. Agora regresarán a Vigo con dúas medallas baixo o brazo, os dous bronces acadados por Laura Lorenzo e Borja Ríos, xa que menos sorte correu Katia Calvar na categoría de -57 kg, que caeu ante a representante coreana por 4 – 0.

Tanto para Borja Ríos como para Laura Lorenzo esta cita foi a súa estrea como competidores nun torneo a nivel mundial, e nada máis coñecer a nova subliñaron ao Duvi que ían “pór toda a carne no asador xa que é o momento de dalo todo e amosar o noso talento, por iso non podemos fallar neses seis minutos que temos para loitar”. Agora Galicía despídese do mundial universitario con dúas medallas de bronce, igual ca hai dous anos en Vigo.