DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Paraná e o campus estreitan lazos trala visita do reitor sudamericano

De Brasil a Ourense por un mestrado en Turismo e anos de colaboración

Mobilidade, investigación e dobres titulacións serán as liñas de futuro que se fomentarán

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 27/10/2011
Zaki Akel Sobrinho, reitor da Universidade Federal de Paraná, en Brasil, visitaba recentemente o campus de Ourense e se reunía cos responsables dos seus centros co obxectivo de abrir liñas de colaboración en mobilidade de alumnado, en investigación e dobres titulacións. Con esta visita, que se repetiría logo co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, cuaxaba case unha década de colaboración entre a universidade brasileira e o mestrado en Turismo da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense. Unha colaboración que foi medrando ano a ano e que amosa como se van cociñando paso a paso as relacións con institucións de diferentes países.

José Antonio Fraiz, responsable do Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde, explica que a colaboración coa Universidade Federal de Paraná vense canalizando cada ano coa participación neste mestrado de docentes e alumnado brasileiro. Concretamente, entre o profesorado salienta o papel decisivo do profesor brasileiro José Monoel Gándara, que cada ano se achega ata Ourense para impartir clases no mestrado. Entre o alumando, destaca a matriculación este curso da filla do propio reitor da Universidade Federal de Paraná, Gisah Akel. “O feito de que o reitor dunha das universidades máis potentes e puxantes de Sudamérica escolla o noso mestrado e a nosa facultade para que a súa filla continúe estudos dá conta do prestixio, no só estatal senón tamén internacional, que temos acadado”, destaca Fraiz.

Con esta confianza depositada, o reitor da Universidade Federal de Paraná reuniuse durante a súa visita ao campus de Ourense coa vicerreitora do campus, María Lameiras, e cos decanos das facultades de Ciencias, Ciencias da Educación, Empresariais e Turismo e Dereito, e co director da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Con eles intercambiou información sobre seus estudos e áreas de investigación de cara a establer futuras sinerxías.

Potencialidades

Segundo explica Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, durante a reunión o reitor explicoulles as oportunidades existentes en mobilidade de alumnado, grazas á puxante política de bolsas que se está a desenvolver no país brasileiro, e se analizaron as potencialidades de colaboración pola confluencia de áreas de interese común entre os centros dunha e doutra universidade, como son o turismo, o dereito e o medio ambiente.

Con esta visita, amplíase o escenario dunha colaboración que naceu en 2002/2003 a raíz da asistencia de José Manoel Gándara a un congreso en Galicia, que continuou coa visita do responsable do mestrado de Turismo a Paraná, que se incentivou coa participación de Gándara en cada edición deste mestrado e que se consolida e amplía agora coa extensión desta colaboración a máis centros da Universidade de Vigo. Un motivo de satisfacción para os seus promotores e de incentivo para seguir fomentando a participación internacional de docentes nos seus estudos de posgrao.