DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Modelo a seguir na captación de recursos económicos procedentes de diferentes instrumentos

Bruxelas exemplifica co proxecto Biocaps o éxito na busca de financiamento europeo

África González participou nun seminario de orientación a potencias solicitantes de fondos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 26/06/2013
O proxecto Biocaps, financiado con 4,6 millóns de euros a través do 7º Programa Marco, foi un dos sete proxectos seleccionados pola Unión Europea como exemplo de éxito na busca de financiamento europeo. A coordinadora do proxecto , África González, participou esta semana en Bruxelas nun seminario no que se expuxeron en detalle estes sete ‘modelos a seguir’ co obxectivo de servir de orientación a potenciais solicitantes de financiamento entre os diferentes programas de I+D+i.

González expuxo, mediante varios exemplos, de que maneira poden combinarse os recursos económicos procedentes de diferentes instrumentos europeos de financiamento, tales como as axudas procedentes de fondos estruturais, o Programa de Competitividade e Innovación e o 7º PM nunha rexión como Galicia. En particular fixo mención a como, tras a constitución do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, Ibiv, se solicitaron proxectos para impulsar o seu crecemento e consolidación co fin de posicionalo como un centro de excelencia a nivel internacional, non só no campo científico, senón tamén no da innovación biomédica.

Fondos que facilitan infraestruturas, equipos e proxectos

Tal e como explicou a coordinadora de Biocaps, a construcción de diversas infraestruturas científicas -tales como o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, e o novo animalario da Universidade de Vigo-, a adquisición de equipos e o desenvolvemento de diversos proxectos de investigación foron posible grazas ao investimento procedente de Fondos de Desenvolvemento Rexional, Feder, xestionados tanto a nivel estatal como rexional, a partir de financiamento de carácter estrutural habilitado pola UE para dinamizar o crecemento das rexións europeas menos desenvoltas con un ámbito de actuación moi amplo -desde as infraestruturas ata a innovación pasando pola enerxía, a formación ou reconversión industrial, entre outros-.

Unha vez constituído o instituto como núcleo de investigación biomédica do sur de Galicia, os responsables de Ibiv, detectaron unha oportunidade no 7º PM de I+D para potencialo. Naceu así Biocaps, que, en dura competencia con outros proxectos, conseguiu más de 4,6 millóns de euros do Programa Capacidades do 7PM, concretamente na área denominada Potencial de Investigación. Esta iniciativa, coñecida co acrónimo REGPOT, está dotada cun total de 340 millóns de euros para estimular o aproveitamento do potencial científico das rexións no obxectivo de converxencia co fin de fortalecer as capacidades dos seus investigadores e a súa participación en proxectos a nivel europeo.

Segundo expuxo África González, na súa decisión de apoiar o proxecto Biocaps a UE valorou a actual capacidade científica do Ibiv e o seu potencial de desenvolvemento no futuro, o esforzo por orientar a investigación á práctica clínica e a innovación, as infraestruturas biomédicas da contorna –incluíndo o futuro hospital de Vigo e o novo Cinbio- e un contexto universitario e empresarial cunha importante orientación cara a innovación.

Coa ollada posta no Horizonte 2020

A intervención da coordinadora de Biocaps tivo lugar no marco dun seminario temático sobre REGPOT como vía para construír capacidades e emprender o camiño cara á excelencia. Biocaps foi un dos sete casos expostos como modelos de éxito para servir de orientación a potenciais solicitantes de financiamento europeo interesados en explotar as sinerxías entre fondos estruturais e REGPOT. A representación española foi a máis nutrida, cun proxecto canario e outro andaluz ademais do galego. Os outros casos seleccionados polas súas boas prácticas procedían da Güiana, Romanía, Polonia e Grecia.

Doutra banda, os participantes tiveron ocasión de presentar as súas suxestións e recomendacións para o deseño dos futuros instrumentos europeos de financiamento con vistas ao Horizonte 2020. Os responsables da UE quixeron aproveitar o encontro de traballo para recoller as ideas dos coordinadores dos proxectos en base á súa experiencia á fronte de proxectos destacados pola súa capacidade para aproveitar as sinerxías entre diferentes programas de apoio a rexións en fase de desenvolvemento.

Neste sentido, a coordinadora de BIOCAPS apuntou a mellorar o sistema para conseguir financiamento complementario entre os diferentes programas de I+D+ i, oficializar a nivel europeo os acordos de partenariado para os proxectos, reducir os prazos para a negociación das subvencións e permitir a participación de entidades como os grupos de interese económico nun número limitado de programas.