DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No campus de Vigo estanse a examinar 1742 estudantes

Buero Vallejo e García Márquez abren as probas de selectividade

Os nervios de primeira hora protagonizaron a xornada

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 18/06/2008

La Fundación de Buero Vallejo, a novela Crónica de una muerte anunciada de Gabriel García Márquez, o romanticismo español ou un comentario crítico dun texto de Manuel Rivas foron algunhas das preguntas ás que se enfrontaron os alumnos que hoxe iniciaron no campus os seus exames de selectividade. En total 1742 estudantes realizaron as probas no campus de Vigo, repartidos entre a ETS de Enxeñeiros Industriais e as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía e Tradución e Bioloxía.
Como cada ano chegadas estas datas, as colas de automóbiles para chegar ao campus, a escaseza de aparcamentos ou a xente despistada buscando unha facultade determinada marcaron o inicio das probas, se ben, os nervios foron os auténticos protagonistas da xornada, sobre todo a primeira hora, “cando aínda non sabes moi ben a que te vas enfrontar”, comentaba Nerea Pumar, do IES María Soliño de Cangas. “É máis doado do que esperabamos, viñamos con moito medo pero non é para tanto”, subliña a súa compañeira Ana Otero.
A Análise e compresión dun texto de lingua e literatura galega e castelá foron as primeiras materias ás que se enfrontaron. “Foi moito máis fácil do que pensaba. No instituto prepárante moi ben, alí os exames son máis difíciles ca estes”, comentaba neste caso unha alumna do IES Val do Tea de Ponteareas. “ No caso de galego, eu elixín a opción na que se preguntaba sobre a narrativa do século XX e o texto de Manuel Rivas e en castelán optei polo romanticismo que se me daba mellor que as obras realistas”, continuou.
Para moitos, esta proba supón a posibilidade de entrar ou non na titulación que desexan, mentres que para outros isto non lles preocupa, ben porque a carreira elixida non ten nota de corte, ben porque decidiron xa encamiñar o seu futuro cara á Formación Profesional. Neste último caso atópase Samuel Ferrades, do IES Pedro Floriani de Redondela, que xa ten decidido que vai estudar un ciclo de Sistemas de Control e Regulación Automáticos, ou Raquel Álvarez do IES Politécnico de Vigo, que se decidiu polo ciclo superior de Imaxe e Son.

Un primeiro contacto coa Universidade

Para algún dos alumnos foi o seu primeiro contacto co centro no que queren estudar. David Álvarez e Erika Lijo, do IES A Guía, queren matricularse en Economía e hoxe coñeceron a facultade, pois coincidiulles facer alí as probas. “O centro está moi ben, e agardamos poder comezar as clases nel en setembro”, comentaba Erika. “Seguro que cando levemos varios anos nel, xa non nos fai tanta graza”, ironizaba o seu compañeiro.
A mediodía combinaron o xantar co repaso dos apuntamentos de Filosofía. “Eu necesito polo menos un sete para poder facer Arquitectura”, e “eu quero entrar en Farmacia”, comentaban dúas alumnas do colexio Las Acacias.
Matemáticas, Latín, Física, Xeografía, Mecánica, Tecnoloxía Industrial, Grego, Imaxe, Debuxo Técnico e Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais son as materias das que se examinarán os alumnos no segundo día das probas.