DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras dous meses no Golfo de Cádiz coa expedición 339 do IODP

O buque JOIDES Resolution volve a porto coas adegas cheas de descubrimentos científicos sobre o cambio climático

Tamén recadaron datos sobre os terremotos e os ríos de area nesta zona

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 10/01/2012
Tras dous meses en alta mar, a expedición 339 do Programa Integrado de Perforación Oceánica (IODP) toca terra a vindeira semana no porto de Lisboa. Ao fronte deste proxecto están Javier Hernández-Molina, da Universidade de Vigo e Dorrik A.V. Stow, da Heriot Watt University, coordinando esta expedición internacional que busca respostas ao cambio climático nas profundidades do Golfo de Cádiz.

O barco R/V JOIDES Resolution, un dos buques de perforación científica máis avanzados do mundo, atracará con algunhas destas respostas a bordo o día 18 na capital lusa, onde os investigadores principais ofrecerán unha conferencia de prensa para presentar os resultados preliminares e as primeiras conclusións. A Expedición-339 forma parte do IODP, un dos programas de xeoloxía mariña máis importantes do mundo, e nela participan 35 investigadores de 14 nacionalidades cun ambicioso plan de traballo que agora chega ao seu fin. Neste tempo seguiron a pista dos cambios na circulación oceánica e no clima no pasado, baixo o fondo submarino profundo do Golfo de Cádiz e o oeste de Portugal. O buque partiu das Azores o 17 de novembro cara ao Estreito de Xibraltar, navegando sobre a enorme liña de sutura profunda na cortiza terrestre que marca o límite entre a placa tectónica africana e a europea e onde abundan os terremotos. A expedición explorou os sedimentos entre o fondo mariño profundo e o límite de placas onde a escura tranquilidade do fondo oceánico se ve alterada pola acción da masa de auga mediterránea que sae polo Estreito de Xibraltar, con velocidades que chegan a acadar os 300 cm por segundo. Analizaron tamén a presenza de enormes vales erosivos submarinos así como os escapes de fluídos a través de fracturas activas.

Explicaban os investigadores principais antes de partir que “nos últimos anos púidose cartografar o fondo submarino do Golfo de Cádiz e o oeste de Portugal, pero nunca antes se obtiveron sedimentos máis alá dos primeiros metros baixo o fondo mariño”, e aí radica unha das metas desta expedición. O profesor Stow puntualizaba en novembro que cando “o JOIDES Resolution se deslice suavemente ata quedar parado completamente no primeiro punto de perforación, estaremos sobre algo desafiante e completamente descoñecido”, que agora comeza a agromar. A pesar de que aínda resta unha semana de traballo, tanto Stow como Hernández-Molina avanzan que se cumpriron as premisas e que atoparon “o esperado pero tamén algúns resultados imprevistos”. Para iso foron arredor de 60 días a bordo do barco traballando incansablemente, mesmo en festas tan sinaladas como as do Nadal e o Aninovo. Os resultados que se presenten a vindeira semana demostrarán se o esforzo pagou a pena para este grupo internacional que busca no fondo oceánico as pegadas do cambio climático pasado para poder comprender o futuro. Outros dos puntos de interese do traballo son os terremotos e os ríos de area que caracterizan esta zona tratando así de facer unha reconstrución de seis millóns de anos de historia da Terra.

A presentación dos resultados, o 18 de xaneiro

A cidade de Lisboa, onde atracará o JOIDES tras a campaña, será o lugar elixido para ofrecer nunha conferencia de prensa os datos obtidos polo equipo científico e farano o 18 de xaneiro ás 11.30 no Centro Científico e Cultural de Macau. Ademais, tras a comparecencia dos investigadores, un autobús trasladará aos medios de comunicación interesados a bordo do barco para que poidan coñecer de primeira man as súas punteiras instalacións e infraestruturas.