DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun panel organizado por persoal do Centro de Investigación Mariña da UVigo

Na busca da mellor folla de ruta para a ‘gobernanza do plástico’ na próxima década

Trátase dunha actividade previa ao arranque mañá martes das conferencias EurOCEAN

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 09/10/2023

Con motivo da celebración esta semana en Vigo das conferencias EurOCEAN 2023, que converterán a Galicia no epicentro do debate europeo sobre o futuro da ciencia oceánica e do mar, persoal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo organizou este luns no edificio Redeiras un xornada sobre as políticas que se están a levar a cabo desde as diferentes administracións en relación cos materiais e produtos plásticos, afondando así no debate sobre cal sería a mellor folla de ruta para os vindeiros anos. Fixérono no marco de LabPlas, un proxecto europeo coordinado pola Universidade de Vigo baixo o liderado do catedrático Ricardo Beiras e financiado con máis de 5 millóns de euros dentro do programa H2020.

Ao evento, titulado Panel de alto nivel sobre gobernanza do plástico: unha folla de ruta para a próxima década, asistiron arredor de 40 persoas que tiveron aquí a oportunidade de escoitar as consideracións de diferentes especialistas, tanto do propio CIM, como da Comisión do Arco Atlántico, o JPI Oceans (Joint Programming Healthy and Productive Seas and Oceans),  o International Iberian Nanotechnology Laboratory e o Centro Interdisciplinario de Investigación Mariña e Ambiental (CIIMAR).

Plataforma para a discusión e o intercambio de ideas

Coa organización desta xornada búscase crear unha plataforma crucial para a discusión e o intercambio de ideas sobre a gobernanza dos materiais e produtos plásticos, abordando cuestións clave para o futuro do océano.Trátase, segundo indicou o persoal investigador do CIM, de enriquecer os eventos centrais de EurOCEAN, que se inician mañá martes e no que, entre outras, se contará coa participación do propio director do CIM, o catedrático Daniel Rey, quen intervirá na sesión Changing humanity’s relationship with the Ocean: art as agent of change, unha mesa redonda  programada para o mércores na que se afondará na relación entre os océanos e a arte. “Esta intervención dá boa mostra do compromiso do noso centro na promoción da investigación, a divulgación científica e da política mariña en Europa”, explica Rey.

Organizado por European Marine Board (EMB) en colaboración con varias entidades locais, entre elas o CIM e o Campus do Mar, EuroOCEAN 2023 celebrarase mañá martes e pasado mércores no auditorio Mar de Vigo baixo o lema One Ocean, One Voice.