A Universidade de Vigo contará para o 2018 cun orzamento de 172.552.088 euros, un 4,37% superior ao do 2017, sendo o máis elevado dende o ano 2011. O vicerreitor de Economía, José Manuel García, presentou este mércores na sesión ordinaria do Claustro as liñas básicas de actuación orzamentaria para o vindeiro ano, que serán as últimas do actual mandato e as terceiras que se desenvolven ao abeiro do Plan de Financiamento do SUG 2016-2020. O incremento respecto aos 165 millóns do actual exercicio, responde “ás estimacións realizadas de contribución do programa Horizonte 2020 da UE, que achega novos fondos para o financiamento de proxectos de investigación”. Para a súa aprobación definitiva, esta proposta orzamentaria precisa do visto bo do Consello de Goberno, que celebra unha sesión a vindeira semana e, posteriormente, do Consello Social. Nesta reunión do Claustro, o reitor, Salustiano Mato, presentou tamén un balance das dúas lexislaturas do actual equipo de Goberno.
13/12/2017