Catedrático de Economía da Universidade de Minnesota e asesor da Reserva Federal de Minneapolis, o economista estadounidense Timothy Kehoe converterase o vindeiro 1 de febreiro en Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.
Integrante dunha xeración que desenvolveu a economía como ciencia, Kehoe realizou as súas primeiras contribucións no campo dos modelos de equilibrio xeral aplicado, utilizados para a simulación de políticas económicas, evolucionando, ata chegar á actualidade, na que xunto a Edward C.Prescott, traballa na construción dunha teoría sobre as grandes depresións.
O contacto de Kehoe coa Universidade de Vigo, que o converterá nunhas semanas no seu decimonoveno Honoris Causa, remóntase 12 anos atrás, cando impulsa a creación do Workshop on Dynamic Macroeconomics, un obradoiro de macroeconomía que permite a alumnos chegados de toda Europa presentar os seus traballos e entrar en contacto con algúns dos máis relevantes economistas, como os premios Nobel, Prescott y Kydland.
11/01/2008