A Universidade deu hoxe os parabéns aos 51 estudantes “excelentes” que este curso iniciaron a súa andaina nas aulas universitarias e, xunto á noraboa, entregoulles tamén un diploma acreditativo que dá fe do seu bo facer e un ordenador portátil como recompensa a todo o traballo realizado durante o bacharelato. Con expedientes recheos de sobresaíntes e matrículas de honra, das verbas destes estudantes atopamos sempre un mesmo consello para os seus compañeiros, “ser constante e levar as cousas ao día”, tal como salientou Miguel Ángel Alonso, un dos alumnos galardoados.
“Sodes o mellor do que entrou na Universidade este curso”, indicou na entrega de premios a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, quen aproveitou a ocasión para felicitalos, “pois demostrastes xa que tendes unhas condicións de corredores de fondo incribles, ademais de perseveranza e moita paixón polo que estades a facer”
16/12/2009