Durante tres días Vigo será teatro. O Congreso Internacional TeatroSéculoXXI congrega na cidade dende este mércores e ata o venres a medio cento de expertos, investigadores e estudantes nun foro de debate e reflexión sobre os retos da dramaturxia actual. As novas formas de teatro, as performance, as novas estéticas, o papel da palabra, a violencia ou os feminismos no teatro son algúns dos temas sobre nos que se afondará nestas xornadas que, despois da sesión inaugural desta mañá na Fundación Carlos Casares, se trasladan á Facultade de Filoloxía e Tradución. Precisamente, o congreso está coordinado polo profesor Manuel Ángel Candelas, director do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura, xunto con Cristina Ferradás e Mónica Molanes.
27/11/2013