Naceu no 1987 e, dende entón, os seus membros sacaron á luz máis de 2200 publicacións a nivel internacional, incluíndo as máis prestixiosas no eido da cardioloxía. Estamos a falar do Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobiloxía que, dirixido polo profesor Ramón Hermida, aglutina un nutrido grupo de enxeñeiros cun interese común: pór os seus coñecementos técnicos a disposición da Medicina para crear ferramentas que permitan mellorar a saúde dos pacientes, sobre todo, daqueles afectados por hipertensión arterial.
Sempre en colaboración con diferentes centros sanitarios, o grupo leva realizado diferentes proxectos de investigación, tanto a nivel clínico como aplicado, en áreas como oncoloxía, endocrinoloxía e, xa máis recentemente, hipertensión e cardioloxía. Na actualidade os nove membros do equipo centran o seu labor en dúas liñas fundamentais: por unha banda, monitorización ambulatoria da presión arterial e tratamento da hipertensión e, pola outra, risco vascular e hipertensión no embarazo. Fano a través de dous proxectos: HYGYA e MADRE e do seu traballo co Chuvi nun dos grupos mixtos que se presentaron esta semana na I Xornada de Investigación Biomédica.
16/04/2008