“Cada vez é máis intenso o movemento de traballadores e empresarios entre as rexións de Galicia e o norte de Portugal”. Con estas palabras comezou Avelino Leite, delegado do Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal, a súa intervención na inauguración do Forumemprego 2008, unhas xornadas que “prometen moito, xa que a súa acollida está sendo moi positiva, tanto no tocante a asistencia como a atención e interese”, tal como afirma Emilia Seoane, conselleira Eures da Universidade e organizadora do foro. Tras ofrecer unha análise da situación económica do seu país, afirmado que se atopa “nun momento de reestruturación debido á perda de emprego nos sectores tradicionais”, Avelino Leite animou aos estudantes da Universidade a buscar traballo nas “novas áreas que se están a crear e que demandan profesionais media e altamente cualificados”. “Os indicadores apuntan ao desenvolvemento de todo o que teña que ver con innovación e novas tecnoloxías, co cal os empregos que se crean neste momento son para persoas media e altamente cualificadas, mentres que os que se destrúen son para traballadores con baixa preparación académica”, sinalou o delegado.
18/02/2008