Enmarcada no programa de intercambio que a Facultade de Belas Artes mantén co Centre Cultural la Mercè de Xirona, chega ao campus Transart 6, unha mostra multidisciplinar na que a creación literaria e plástica únense nunha mesma obra. A principal particularidade desta exposición consiste en captar e amosar o estado de ánimo da arte visual máis recente explorando novas fórmulas de vinculación coa literatura, ademais de ser “un xeito de dinamizar o cadro de traballos expositivos da cidade, un dos primordiais obxectivos da Sala de Exposicións do campus pontevedrés”, segundo explicou o seu encargado, Xosé Manuel Buxán. Por outra banda, o vicerreitor Jesús Hernández, subliñou que “esta é a única institución universitaria que participa neste intercambio e considero que é un dos xeitos de coñecer a arte que está en continua ebulición, nas aulas e nos novos artistas”, comentou na presentación da mostra que tivo lugar na sede da Vicerreitoría.
22/05/2008