Dende fóra como investigadora e dende dentro como ilustradora. A tese de doutoramento de Marta Riera, dirixida pola profesora de Belas Artes Lola Dopico, fai unha fonda análise do sector da ilustración de moda en España, un eido que ata o momento carecía de estudos específicos. A falta de investigacións neste campo derívase do feito de que “a ilustración de moda nunca existiu como disciplina en España, xa que nunca se recoñeceu a súa existencia autónoma”, explica a investigadora. Este pasado carente de recoñecemento contrasta cun presente puxante e vizoso no que a ilustración é unha tendencia clara en moda e en publicidade. Segundo Marta Riera isto é consecuencia de varios factores: a saturación da fotografía, as posibilidades técnicas proporcionadas polos medios dixitais, “dándose paradoxalmente o regreso ás formas caligráficas e manuais”, e grazas tamén á incrible capacidade de difusión que supuxo internet.
03/07/2013