Máis de 3000 metros cadrados de cristal, madeira e aluminio configuran o complexo deportivo AQA Ourense. Este miradoiro cara ao campus, obra do prestixioso arquitecto Patxi Mangado, ofrecerá de actividades de ocio, saúde e deporte para todos os cidadáns. A pesar de que as súas portas non se abren ao público ata o mes de xaneiro, este venres 5 de decembro, AQA recibiu as primeiras visitas nas instalacións das persoas que querían coñecer de primeira man a que “pasará de ser a piscina do campus para ser a piscina de Ourense”, dixo Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo.
O complexo conta cunha piscina de natación de 16 x 25 metros, con 8 rúas, e cunha piscina de aprendizaxe de 16 x 8 metros. Nelas impartiranse actividades acuáticas ademais de cursos específicos dirixidos a bebés, nenos e adultos. Na sala fitness, equipada con máquinas cardiovasculares, de exercicios isotónicos e de peso libre, poderanse realizar distintos programas de musculación.
05/12/2008