O proxecto Ourense Aporta cambiará a faciana do campus e da súa contorna creando un espazo de calidade para toda a cidadanía. Esta iniciativa, promovida pola Universidade de Vigo e polo Concello de Ourense e financiada por Caixanova, reformula a relación entre a cidade e a Universidade en todos os seus aspectos. O proxecto propón a cualificación do espazo cidadán mediante a integración dos usos urbanos e empresariais no recinto universitario e a creación de zonas de encontro e transición. Esta proposta, dotada dun presuposto aproximado de 300.000 euros, amplía e mellora as dotacións públicas e plantexa unha nova etapa de intensa colaboración entre a Universidade de Vigo e a sociedade. O deseño do proxecto presentouse, tras varios meses de intenso traballo, este xoves da man de Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo; Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense; Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova; Patxi Mangado, arquitecto e José Miguel Iribas, urbanista e sociólogo, estes dous últimos autores do proxecto.
04/12/2008