36 casetas nas que novos emprendedores e emprendedoras dan a coñecer os seus proxectos, completadas por un espazo de networking no que se presentaron outras oito iniciativas e cunha serie de actividades de dinamización. Todo iso conxúgase no Espazo para Emprendedores do Pont-Up Store, evento que, ao longo de venres e sábado, trata de achegar o espírito emprendedor á cidadanía. Organizado pola Universidade xunto co Concello, este encontro do emprendemento foi inaugurado este venres co desexo común de que Pontevedra “se consolide como un espazo de referencia en materia de innovación”, como sinalou o seu director, o profesor Pedro Figueroa. Para logralo nada mellor que achegar un “punto de creatividade” a unha “feira nun espazo urbano”, o que para o reitor, Salustiano Mato, constitúe “a forma máis viral de facer que o espírito do emprendedor flúa dunha forma dinámica”.
25/09/2015