As cantigas medievais, ás que o homenaxeado no Día das Letras Galegas, José Filgueira Valverde, dedicou un bo número de estudos, demostran que o galego “a pesares de ser durante tanto tempo unha lingua tan desprezada é tamén unha lingua cun gran pasado”, como lembrou a catedrática Camiño Noia no acto de entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria da Universidade de Vigo. Co propósito de render homenaxe ao polígrafo pontevedrés, este acto trasladouse neste 2015 a Pontevedra, onde a institución académica quixo reiterar o seu compromiso cun idioma que se atopa nunha “situación preocupante”, como lembrou o vicerreitor Juan Manuel Corbacho. Mais o acto celebrado na Casa das Campás serviu tamén para abordar os retos de futuro, como posicionar o idioma na “nova sociedade dixital que pouco a pouco está a converter o mundo nunha aldea global”.
21/05/2015