Cando unha persoa acceda ao módulo hospitalario novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, o primeiro co que se vai atopar é cunha mostra do talento xerado na Facultade de Belas Artes ao longo dos seus 25 anos de historia. Non en van, tanto alumnado como egresados poden participar no concurso do 25 aniversario deste centro, que propón a creación dunha obra para o hall deste complexo hospitalario. As bases do certame, que se prevé concluír a finais de xullo coa instalación da peza, foron presentadas na Casa das Campás polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; a decana, Silvia García; a directora xeral da Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, Yolanda Cañedo, e a responsable de Comunicación e Relacións Institucionais da EOXI de Vigo (Sergas), Irene Pazo, que incidiron no valor desta iniciativa á hora de dar visibilidade aos talentos que se forxan nesta facultade.
04/06/2015