A febre da propaganda política comeza a apoderarse da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde os alumnos de cuarto curso de Publicidade e Relacións Públicas están a preparar unha campaña electoral ficticia que, o vindeiro 28 de maio, proclamará como presidente do Goberno ao candidato que obteña a maioría dos votos da comunidade universitaria. A iniciativa, que forma parte das prácticas da materia Teoría e práctica da propaganda electoral impartida polo profesor Xosé Rúas, conta con todos os elementos que na realidade se empregan á hora de preparar unha eleccións: mitins, roldas de prensa, anuncios, reunións cos representantes dos colectivos do centro, etc. De feito, xa empezan a abundar os carteis das distintas formacións polos corredores da facultade e a actividade vólvese máis intensa canto máis se achega o 14 de maio, o día oficial de inicio de campaña.
12/05/2008