A zona dos Chaos de Amoeiro, á beira do río Barbatiño, é unha zona de gran riqueza patrimonial. Nela sitúase o Castelo de Alba de Búbal, edificado no século XI, derrocado logo polos irmandiños e de novo reconstruído como cabeza de xurisdición ata a Idade Moderna. Atendendo a diferentes evidencias, os arqueólogos creen que posiblemente este castelo, do que hoxe só se conservan indicios en superficie, foi construído sobre o chamado castro de Formigueiro. Co obxectivo de atopar este castro e estudalo xunto a outros elementos de interese da contorna, como as estelas “da mellor cultura galaica antiga ou cultura castrexa” reutilizadas na arquitectura local, o Concello de Amoeiro vén de asinar un convenio coa Universidade de Vigo que permitirá a arqueólogos do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio GEAAT traballar durante catro anos neste emprazamento.
24/05/2016