Moito máis que unha liña entre dous países, as fronteiras son focos de cooperación e de conflito sumidas nun proceso continuo de cambio, que acontecementos como as crises migratorias están a situar de novo na primeira liña de actualidade. Trátase pois dunha realidade a abordar desde múltiples ámbitos e perspectivas, como demostra a reunión de antropólogos, economistas, xeógrafos, historiadores, sociólogos e polítologos de cinco países que desde este xoves acolle Ciencias Sociais e da Comunicación, grazas ao I Congreso Internacional de Fronteiras Comparadas. Poñer en común as visións de expertos e expertas implicados en proxectos de investigación sobre este eido “que son complementarios pero que, ata o de agora, non traballaban entre si” é, segundo salienta Enrique Varela, un dos obxectivos centrais dunhas xornadas, que promoven “un salto cualitativo, da investigación sobre unha fronteira concreta á análise dunha realidade global”.
24/09/2015