Hai un século a científica Marie Curie recibía o Premio Nobel de Química. Para celebralo, a Unesco declarou 2011 Ano Internacional da Química baixo o lema Química: a nosa vida, o noso futuro. Co gallo desta conmemoración, a Facultade de Ciencias organiza as primeiras xornadas A Química e as novas xeracións, un encontro no que os investigadores máis novos do centro presentarán os seus traballos. En total serán case dous meses nos que a química e o seu futuro, tanto en recursos humanos como en liñas de investigación, se converterán, a través de 15 conferencias, nos grandes protagonistas do campus.
04/03/2011