DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Buscando a meta cun plano e un compás

O Campionato Galego universitario de Orientación celebrarase máña sábado 9 de abril no campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 08/04/2011
O campus de Vigo será mañá 9 de abril o escenario da décimo primeira edición do Campionato Galego Universitario de Orientación. Sobre un percorrido de 4,9 quilómetros en categoría masculina e de 3,5 en feminina, os deportistas, 110 das tres universidades galegas, terán que pasar, coa axuda dun plano topográfico, por diferentes controis durante o circuíto antes de cruzar a meta.

A xornada comezará ás 9.30 h, coa entrega de dorsais, para iniciar a carreira ás 12.30 horas. Dende entón, e cada dous minutos alternando homes e mulleres, sairán os participantes, “para evitar que haxa seguimentos”, segundo explica José Luis Armada, responsable do equipo de orientación da Universidade de Vigo. Este ano serán 53 os deportistas que representen á institución “procedentes dos tres campus. Pero non so hai estudantes, senón que nesta ocasión ao equipo, formado por estudantes, acompáñanos profesorado, investigadores e PAS”. Ademais forman parte do grupo corredores da Escola Naval Militar de Marín que estudan no Centro Universitario da Defensa.

O certo é que un ano máis parte como favorita a Universidade da Coruña, “sobre todo en homes. En mulleres temos algunha opción de podio”, asegura Armada, que confía en que o combinado de Vigo se leve algún dos trofeos que se entregarán a partir das 14.00 horas. Ademais a proba é clasificable para o nacional que se disputará no mes de xuño en Mérida.

Uns planos realizados en xaneiro

A carreira discorrerá polo campus vigués, con zonas de carreira rápida e doada, pero tamén con puntos técnicos, eleccións de ruta e lectura de mapa, sobre uns planos de 1,1 quilómetros cartografiados e debuxados nos meses de xaneiro e febreiro deste ano. Neles os corredores atoparán as súas rutas, que en liña recta no chegan aos 5 quilómetros en categoría masculina. “Pero sempre son máis. Cada un vai elixindo o terreo que máis doado lle parece coa única condición de que teñen que pasar por 25 controis os homes e 15 as mulleres”, recorda Armada.

Campionato Galego de volei praia

Para o deporte tamén se achega o final de curso, por iso o vindeiro mércores 13 de abril se disputará o Campionato Galego Universitario de volei praia, organizado nesta ocasión pola Universidade da Coruña. O torneo, que terá lugar na praia de Oza acollerá a deportistas procedentes dos sete campus galegos.