Para participar no proxecto ‘uniHcos’ no que colabora a Universidade de Vigo
Búscase alumnado de primeiro curso que queira mellorar a súa saúde
Trátase dun estudo pioneiro financiado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade
Cinco universidades españolas buscan, entre os seus matriculados de primeiro curso, estudantes interesados en formar parte do Proxecto uniHcos, centrado en analizar os hábitos de vida da poboación universitaria. O grupo de investigación Healthyfit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus e dirixido polo profesor José María Cancela, participa activamente neste estudo coordinado dende a Universidad de León que conta co apoio e financiamento do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. O proxecto atópase na fase inicial de selección da mostra “buscando que sexa o máis grande e representativa posible dado o interese e o alcance da investigación”, explica o profesor Cancela.
As universidades de León, Vigo, Cantabria, Granada e Xaén decidiron unir esforzos para deseñar e desenvolver un estudo lonxitudinal e nacional que dea conta da evolución das condutas relacionadas coa saúde en estudantes universitarios de primeira matrícula do curso 2011/2012. Como apunta Cancela, “o noso obxectivo non é que contesten de forma illada a un cuestionario, senón que queremos facerlle un seguimento da mostra durante 15 ou 20 anos creando case un vínculo familiar coa persoa”, de aí a necesidade de atopar alumnado “verdadeiramente” interesado en mellorar e mudar condutas pouco saudables. Membros do grupo de traballo deste estudo decidiron centrarse na etapa universitaria xa que moitos dos hábitos que inflúen na saúde consolídanse nesa idade “polo que é un momento adecuado para avaliar os estilos de vida e, se é necesario, tentar cambialos”.
O alumno que participe en Unihcos comprometerase a realizar enquisas online bienais dende o primeiro ano universitario, respondendo a unha lista de preguntas relacionadas co exercicio físico, hábitos alimenticios e co consumo de tabaco, alcol e drogas. Trátase dun estudo pioneiro en España “posto que actualmente non hai ningunha mostra universitaria establecida que ademais empregue as novas tecnoloxías para transmitir información e realizar as enquisas”, engade.