DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante a delegación da Consellería de Educación

Unha “cacerolada” e a entrega de sinaturas protagoniza o día de folga

Decenas de estudantes manifestáronse pola subida das taxas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 31/10/2007
Mobilizacións e aulas baleiras marcaron a xornada de folga convocada para este mércores polos CAEF en contra da subida das taxas académicas. O respaldo á convocatoria foi masivo nos tres campus da Universidade de Vigo, segundo a valoración dos representantes do Comités Abertos de Escola e Facultade. A presenza dos estudantes nos centros foi moi reducida, con excepción das bibliotecas e algúns centros como a Facultade de Dereito no campus de Ourense.
O obxectivo desta folga, convocada nas tres universidades galegas, é denunciar a suba das taxas de matrícula aprobada pola Xunta, que para os CAEF “é excesiva xa que está 2 puntos por riba do IPC galego”.

A protesta en Pontevedra

“Paremos xa a suba das taxas”, “menos taxas, máis permisos”, “se isto non se baixa, caña,caña,caña”. Coreando estes lemas, decenas de estudantes do Campus de Pontevedra, realizaron unha “cacerolada” diante da delegación da Consellería de Educación, onde entregaron as sinaturas recollidas no campus da cidade para conxelar a suba das taxas. “O que queremos é que se reduzan porque son elevadísimas” comentou unha alumna da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Á manifestación asistiron, ademais dos estudantes, os representantes do CAEF quenes aseguraron que non pararán ata mellorar a situación. “Este ano as taxas subiron un 4%, unha suba brutal que os estudantes nin podemos, nin queremos por estudar nunha universidade pública” explicou Alberte Mera, representante do CAEF. “O ensino debe ser público e gratuíto para todos”, engadiu Alberte na manifestación.

As reivindicacións dos CAEF

As subidas das taxas nos últimos 5 anos tradúcese nun aumento medio de 120 euros no importe total da matrícula. Segundo os CAEF, este datos demostran que o aumento ano tras ano si se nota no incremento da contía global. A subida das taxas académicas para o vindeiro curso anunciada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria tradúcese nun incremento dos prezos que dobra o IPC galego. Segundo o sindicato estudantil estas subidas veñen sucedéndose nos últimos seis anos, toda a lexislatura pasada o a metade desta.
Outra das reivindicacións dos CAEF refírese á falta de control que o goberno galego ten sobre as bolsas que eximen de pagar as taxas, xa que estas dependen directamente do Ministerio de Educación.
Po outra banda, o incremento das segundas ou terceiras matrículas tamén é outra das denuncias dos estudantes. A segunda matrícula é un 15 máis cara que a primeira, mentres que a terceira elévase a un 35 máis.