DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus ConVida pon en marcha unha iniciativa de carpas informativas sobre hábitos de vida

Cada martes, unha cita para revisar a saúde

As persoas interesadas poden analizar nelas a súa dieta e o seu estado físico

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 30/03/2012
A cita cos hábitos de vida saudables debería ser unha cita diaria e permanente. Sen embargo a realidade é ben diferente e para contribuír a que a comunidade universitaria non perda de vista a importancia de ter unha vida sa, en todos os eidos, o proxecto Campus ConVida vén de pór en marcha os Martes ConVida. Durante cinco semanas, unha carpa informativa permitirá aos interesados analizar nela a súa dieta e o seu estado físico xeral e recibir información sobre como melloralos. A cita será cada martes nun edificio diferente do campus de Ourense.

A iniciativa arrancou este martes no Edificio Politécnico e entre os primeiros en pór a proba os seus hábitos de vida saudables estiveron Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, que financia a actividade, e os responsables dos centros instalados no edificio, como son Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias, e Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática.

Un cento de participantes o primeiro día

En total achegáronse a revisar a súa saúde arredor dun cento de persoas, entre estudantes, docentes e persoal de administración e servizos. Na primeira das carpas, xestionada pola Área de Nutrición coa docente Julia de la Montaña á cabeza, os interesados puideron coñecer o grao de adhesión da súa dieta á mediterránea e escoitaron en que aspectos poderían mellorar a súa alimentación. Tamén comprobaron parámetros como o peso, a altura e o índice de masa corporal. Na segunda das carpas, persoal da Escola Universitaria de Enfermaría, coa decente Reyes Pérez á cabeza, analizaron cos interesados cuestións como os niveis de tensión ou glicosa.

Os datos recollidos serán estudados para coñecer con máis exactitude a situación da comunidade universitaria neste eido. Sen embargo, as primeiras impresións foron bastante positivas. Segundo explicaron os promotores da iniciativa, as deficientes puntuacións en determinados eidos compensábanse, en certa maneira, con bos hábitos noutros, co cal o resultado global foi bastante aceptable.

Os membros da comunidade universitaria que queiran realizar esta pequena revisión ou recibir información sobre a dieta, sexualidade, prevención de consumo de drogas e temas similares, terán ocasión de facelo en vindeiros martes, pois tralo Edificio Politécnico, a iniciativa percorrerá o Edificio de Ferro, o Xuridico-Empresarial, a Escola Universitaria de Enfermaría e a Biblioteca Universitaria.