DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Artur Yuste protagoniza a tertulia da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Un café para aprender a importancia do esforzo, a innovación e a coherencia no traballo

O director xeral do Grupo Cuevas explica aos estudantes o que as empresas agardan deles

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 04/05/2011
“A universidade é unha das patas fundamentais da formación dun profesional pero a empresa ten que darlle continuidade e ser outra das patas. E se esa formación que requirimos desde o ámbito privado aos futuros profesionais lla podemos proporcionar antes de rematar a súa educación universitaria pois aínda mellor”. Con esta idea de fondo Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas, achegouse este mércores á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense a participar nunha das súas tertulias empresariais. Aos estudantes presentes, Yuste introduciunos no que realmente unha empresa busca nos seus futuros traballadores.

O café comezou cunha introdución do Grupo Cuevas a cargo do profesor da Universidade de Vigo Santiago Lago. Desta empresa, Lago salientou que está “no top ten das empresas ourensás e no top three en canto a innovación e internacionalización”. Por esta puxanza, o profesor animou á vintena de estudantes participantes a aproveitar ao máximo as dúas horas de tertulia que compartiron con Yuste, pois, destacou, “é unha oportunidade excepcional para un estudante de Empresariais compartir ese tempo co director xeral dun grupo coma este”.

Durante a tertulia, que contou tamén coa presenza de Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Yuste afrontou o reto de “darlles a coñecer aos estudantes que é o que realmente van a atopar no mercado laboral, que é o que pretende a empresa deles e que se espera dun traballador”. Para o director xeral do Grupo Cuevas, esta xestión dos recursos humanos nunha empresa ten unha importancia fundamental, aínda non sempre se valora axeitadamente.

Cuestión de valores e coñecemento

Como futuros recursos humanos de empresas, Yuste advertiu aos asistentes que “valores como o esforzo, a seriedade, a coherencia e a innovación son fundamentais”. Na súa opinión é primordial que todo profesional teña estes catro puntos presentes na súa cabeza ao levantarse cada día para ir a traballar. Xunto a estes valores estarían os coñecementos, polo que salientou a importancia de iniciativas coma esta tertulia, que permite ás empresas explicarlles aos estudantes o que van a requirir deles antes de rematar a súa formación.

Alén da formación, Yuste tamén salientou as frutíferas relacións publico-privadas na realización de proxectos, que no caso da súa empresa se cristaliza, entre outros aspectos, na existencia dunha Cátedra Cuevas na Universidade de Vigo. Nos aproximadamente tres anos de funcionamento, destacou Yuste, conseguiron realizar arredor de dez proxectos, como o portal presentado recentemente www.dietaatlanticogallega.com. Unha relación empresa-universidade produtiva como demostra o feito, explicou, “de que xa estamos deseñando novos proxecto cando aínda non rematamos os que temos en marcha”.