DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O socio fundador de Valora participou no ciclo de conferencias sobre sustentabilidade e enerxía

O cambio climático ou como facer da necesidade unha virtude

Senén Ferreiro advertiu da importancia de avaliar os riscos e as oportunidades no novo panorama mund

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Anabel Vila DUVI 22/02/2011

Na actualidade hai unha realidade que non se pode obviar como é o cambio climático, unha realidade que “presenta oportunidades de negocio”. Esta foi a premisa sobre a que Senén Ferreiro, socio director de Valora Consultores, falou na súa participación no ciclo de conferencias sobre sustentabilidade e enerxía ao abeiro do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, co apoio de Economics for Energy e a Fundación Pedro Barrié de la Maza. Presentado por Xavier Labandeira, catedrático da Universidade de Vigo, Ferreiro explicou a “perspectiva do mundo empresarial. O impacto que as políticas públicas teñen sobre o eido privado”, tal e como resumiu o profesor vigués.

O director de Valora asegurou que na actualidade hai “un 96% de empresas convencionais, é dicir, que non teñen no seu discurso o cambio climático”, pero o que si advertiron dende a consultora é que as máis competitivas teñen presente na súa axenda a sustentabilidade xa que avaliar os riscos e as oportunidades que se lles presentan nun espacio futuro é unha gran ferramenta de cara ao seu crecemento. De todos modos, neste eido “o primeiro que hai que ver é se facemos as preguntas axeitadas”, sinalou.

Ante un amplo auditorio, Ferreiro explicou que cada día nacen necesidades novas ás que se debe dar resposta, pero para iso hai que implicar ás empresas. “Moitas están a traballar máis que algúns países do primeiro mundo na loita contra o cambio climático, pero non lles estábamos sabendo vender o concepto do problema”, asegurou o fundador de Valora que recoñeceu que ata agora presentábanselle aos empresarios “demasiados conceptos. Hai que focalizar nun”. O mellor exemplo desta filosofía e animar á empresa a “adoptar o compromiso de reducir as súas emisións de CO2. Esta acción leva da súa man a obriga de mellorar todos os aspectos”, aínda que sexa a longo prazo. “Entre outras cousas van ter que cambiar criterios de deseño, o seu modelo de distribución, terán que ser máis eficientes a nivel enerxético, e todo iso faránno pouco a pouco, pero suporá un gran beneficio”, sentenciou.

Oportunidades que xa se están a aproveitar

Entre as oportunidades que se poden albiscar como consecuencia do cambio climático están as do eido da sanidade, sobre as que xa están a traballar as industrias farmacéuticas. Pero non son as únicas. A industria automobilística tampouco é allea a esta realidade e ademais de desenvolver vehículos eléctricos “ten na súa axenda esta problemática dun xeito máis amplo polo que as empresas punteiras son aquelas que xa levaban tempo invertindo en procesos sustentables”, afirmou Ferreiro.