DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola do campus e a de Lourizán potencian as súas colaboracións para ofrecer unha oferta "insuper

No camiño de converter a Pontevedra en referente na formación forestal

Este martes alumnado de ciclo superior visitou as instalacións e laboratorios do centro universitari

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 06/11/2012

Son dous centros relacionados sectorialmente que buscan ampliar a súa colaboración para un mellor aproveitamento dos recursos. A Escola de Enxeñaría Forestal do campus e o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán comezaron o novo curso co propósito de establecer unha rede de cooperación constante que converta a Pontevedra “en referente na formación forestal”. Un exemplo desta interconexión tivo lugar este martes na escola universitaria, que acolleu a visita de estudantes de ciclo superior do centro de Lourizán, os que se amosaron “moi interesados en completar os seus estudos co noso grao”, subliñou Juan Picos, coordinador da actividade.

Aínda que dependan de dúas institucións diferentes, o profesor Picos considera “natural” a relación entre dous centros formativos do mesmo sector e próximos fisicamente. “En conxunto, as dúas escolas ofertan un percorrido formativo tan amplo, con ciclo medio superior e grao, que nestes momentos é insuperable”, apuntou o docente que definiu a de Lourizán como un “complemento e aliado perfecto” da EE Forestal. Esta liña de colaboración xa se vén desenvolvendo dende cursos anteriores “pero o noso obxectivo é potenciala e mellorala”, engadiu, sobre todo no referido a tráfico de alumnado e ás instalacións. “É xa habitual que dende Lourizán veñan estudantes aquí a facer prácticas de botánica aos nosos laboratorios e a realizar as súas prácticas nos traballos de investigación de campo da escola universitaria”, exemplificou.

Alumnado da FP representa entre un 10% e un 15% da matrícula

Este martes visitaron a EE Forestal alumnos e alumnas do Ciclo Superior de FP de Xestión e Organización dos Recursos Naturais e Paisaxísticos, que ademais de recibir unha charla sobre os últimos cambios na ensinanza universitaria europea, puideron coñecer de primeira man todos os laboratorios e talleres da man do corpo docente e técnico do centro, que deseñaron un mapa de ruta “para que nos coñezan ben a fondo”. O estudantado de ciclo superior supón un nicho de captación importante para o Grao en Enxeñaría Forestal, “pois soe representar entre un 10% e un 15% de matriculacións”, advertiu Picos que tamén aludiu á bagaxe formativa coa que xa comezan a titulación estes alumnos e alumnas, “que acostuman ser moi bos dada a súa vocación forestal”.

Juan Picos foi o encargado de impartir a sesión teórica na que tratou de resumir os cambios que supuxo Boloña para os estudantes que queiran acceder á Universidade dende os ciclos de formación profesional, ademais de afondar nos beneficios de ter unha formación homologada a nivel europeo e as vantaxes de contar cunha titulación superior á hora de ascender na escala administrativa.

O certo é que o alumnado do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán mostrouse moi interesado en completar a súa etapa formativa no campus pontevedrés, prestando especial atención á homologación de estudos ao pasar de cursar un ciclo de formación profesional a unha titulación superior. “Quedamos verdadeiramente sorprendidos cando nos informaron da cantidade de convalidacións posibles, o que nos anima moito a entrar neste grao”, comentaba Fernanda Juncal que recoñeceu ter en mente matricularse para o vindeiro curso na Universidade viguesa do mesmo xeito que os seus compañeiros Adrián Vilar e Noel Fernández, que valoraron positivamente a calidade das instalacións da escola e a gran variedade de materias “cos que poder traballar e experimentar”.