DUVI

Diario da Universidade de Vigo

David Chapela comeza este ano os seus estudos en Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Campión de Europa, subcampión do Mundo de balonmán e agora... alumno do campus

O deportista de alto nivel forma parte do primeiro equipo da SD Teucro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Iolanda Fernández DUVI 24/09/2013

Puido ser o fútbol, o baloncesto, o taekwondo… había múltiples opcións pero ao final o deporte que “enganchou” a David Chapela foi o balonmán converténdose, antes de cumprir os 21 anos, en subcampión do Mundo e campión de Europa junior coa Selección Española. Na actualidade, Chapela adestra diariamente coa SD Teucro, unha actividade que compaxina cos seus estudos en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Este é o primeiro ano na Universidade de Vigo para o deportista de alto nivel despois de ter cursado o ciclo superior en Técnico de Actividades Físicas e Animación Deportiva (TAFAD). Segundo pon de manifesto o propio mozo “a complexidade do mundo do deporte ” explica en boa medida que Chapela opte pola docencia como unha futura saída profesional sen deixar a un lado a súa carreira profesional como deportista.

David Chapela lembra a súa infancia rodeado de bicicletas, patíns e balóns de fútbol pero, tamén recorda aqueles días nos que familiares e amigos o levaban a gozar dos partidos de balonmán, unha disciplina totalmente descoñecida para el por aquel entón. “Foi daquela, asistindo aos partidos, cando me entrou ese gusaniño por coñecer máis de preto este deporte”, relata. Os seus adestradores viron nel un alto potencial e animárono a continuar formándose, chegando a participar con tan só 12 anos nas concentracións da Selección Española promesa. “Cada verán viaxabamos a unha cidade española para adestrarmos durante 15 días. Esta foi unha experiencia moi enriquecedora para min, ofreceume a posibilidade de aprender non só dos adestradores senón dos 40 mozos que participaban nestas xornadas ano a ano”, comenta.

A súa gran oportunidade chegou da man da Selección Española de Balonmán coa que participou no Campionato de Europa e despois no do Mundo junior, conseguindo o primeiro e o segundo posto en cada un destes certames. A día de hoxe, David Chapela ten a esperanza de poder seguir competindo na categoría absoluta coa Selección Española ao ter cumpridos xa os 21 anos de idade. O deportista e estudante recoñece que esa posibilidade “está afastada no tempo pero tampouco a descarto xa que debe ser a Selección quen me convoque”. Quen si contou con el nesta modalidade foi a Selección Galega coa que xogou hai un par de meses aínda que o mozo prefire “non soñar esperto, por os pés na terra” e centrarse nos seus adestramentos na SD Teucro e nos seus estudos.

11 deportistas de alto nivel incorpóranse á vida universitaria

David Chapela non é o único deportista de alto nivel que está a cursar os seus estudos no campus de Pontevedra. Xunto ao estudante do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e dende que se abriu o prazo de matrícula para o novo alumanado da Universidade de Vigo xa se matricularon outros 10 deportistas, cinco no mesmo grao que Chapela e os cinco restantes en Fisioterapia. Na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte aínda quedan dúas prazas vacantes nesta modalidade de matrícula que poderían cubrirse ao longo deste mes de setembro. Pola contra, no resto de centros do campus, as facultades de Belas Artes, Ciencias Sociais e da Comunicación e a Escola de Enxeñaría Forestal non recibiron polo de agora ningunha solicitude deste tipo.